Bucarest
Capital de Romanía, situada na rexión de Muntenia ou Gran Valaquia, que constitúe un muncipio autónomo á marxe da administración provincial do país (228 km2; 2.027.512 h [1997]). Atravesan a cidade o río Dîmbovita e o seu afluente, o Colentina. A cidade ten un aspecto moderno, con amplas avenidas e máis de vinte parques. Desde 1918 a cidade foi medrando e converteuse no centro político, educativo, cultural, financeiro e industrial do país. A súa situación, no centro de rutas comerciais cara a Bulgaria, Hungría e Ucraína, con abundantes recursos de petróleo, sal e auga, facilitaron o seu desenvolvemento industrial. É tamén un centro de ensino superior: Universitatea din Bucureşti, fundada no ano 1864 e o Institutul Politehnic Gheorghe Gheorghiu-Dej, fundado no ano 1819. Fundada probablemente no lugar onde se situaba unha antiga fortaleza romana, a primeira referencia documental data do s XIV. No s XVII substituíu a Tîrgovişte como capital do principado de Valaquia. Durante os ss XVIII e XIX foi ocupada sucesivamente polos turcos, os rusos e os austríacos, ata que en 1858 se converteu na capital do novo estado, xurdido da unificación político-administrativa dos principados. Invadida e conquistada no ano 1916 polos exércitos alemán e búlgaro, a sede do goberno foi trasladada a Iaşi. Durante os anos posteriores á Primeira Guerra Mundial a cidade creceu moito. En 1940 caeu de novo baixo o control alemán e permaneceu baixo o seu dominio ata 1944, cando foi liberada polas tropas soviéticas. Entre os escasos monumentos conservados, sobresaen o mosteiro de Mihaai Vod ǎ (s XVI) e a igrexa patriarcal de Stavropoleos (1724), de estilo greco-bizantino. O Museo Nacional de ArteRelixiosa creado en 1931 conserva unha importante colección de iconas, cálices, frescos, etc.