Büchner, Georg

Büchner, Georg

Dramaturgo alemán. Estudiou medicina e ciencias naturais en Estrasburgo e Giessen, e foi profesor na Universidade de Zúric. No terreo político escribiu o panfleto Der Hesische Landbote (O mensaxeiro de Hesse, 1834), considerado o manifesto socialista máis importante anterior ao de Marx e Engels. É autor, ademais, de tres textos que destacan pola súa novidade e por apuntar, de forma explícita, futuras direccións da dramaturxia europea, particularmente o expresionismo alemán e o Teatro da Crueldade de Antonin Artaud. Considerado como precedente dalgunhas das tendencias do teatro contemporáneo, a súa obra foi recuperada polo director alemán Max Reinhardt. Entre as súas obras cómpre citar o drama Dantons Tod (A morte de Danton, 1835), peza estruturada arredor da figura deste revolucionario francés enfrontado a Robespierre, que analiza as consecuencias da Revolución Francesa; a comedia Leonce und Lena (Leoncio e Lena, 1836), que censura o conservadurismo burgués, e Woyzeck, que se comezou a escribir en 1836 pero que se publicou incompleta no 1879, onde se narra a desgraciada vida do xanciño soldado Franz Woyzeck do que todo o mundo abusa. Outra obra que deixou inacabada foi a novela Lenz (1839), que describe con realismo poético a vida do escritor Reinhold Lenz. O primeiro espectáculo do Centro Dramático Galego baseouse precisamente en Woyzeck, con dirección de Xulio Lago, e estreouse en agosto de 1985 na Coruña; por outra banda, Leoncio e Lena foi o pretexto para un espectáculo homónimo, estreado en 1993 pola mesma compañía teatral, con dirección de Ánxeles Cuña.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Goddelau, Darmstadt, Hessen

  • Deceso

    Lugar : Zúric