Buda ou o Buda
Nome co que normalmente se coñece a Siddhārta Gautama, fundador do budismo. Os seus datos biográficos proceden de fontes fragmentadas e de documentos de séculos posteriores á súa vida. Orixinario do clan dos Shākya, familia principesca establecida en Nepal, naceu no 560 a C segundo os cálculos occidentais e no 623 a C segundo a tradición de Sri Lanka. Era fillo de Shuddhodana, raxá do seu clan, quen procurou mantelo lonxe de toda experiencia dolorosa e o casou, aínda mozo, con Yashodharā, con quen tivo un fillo, Rāhula. Aos vinte e nove anos atopou un día un vello, un enfermo, un morto e un asceta, e tivo así a primeira experiencia da dor. Abandonou o palacio, onde deixou a súa muller e o seu fillo, e comezou unha vida de peregrino errante. Na India experimentou que nin o ritualismo védico nin ningún dos novos camiños que lle ofrecían, a doutrina dos Upanisad e o ascetismo, o podían conducir á liberdade. Unha noite, despois de ter superado as tentacións do demo Māra, baixo a árbore pippala (Ficus religiosa), aínda venerada hoxe en Buddh Gayā, tivo a revelación ou iluminación (bodhi) e converteuse en Buda (‘o iluminado’). Decidiu predicar o dharma (doutrina) das catro nobres verdades a toda humanidade. En Sārnāth predicouna por primeira vez a cinco ascetas, antigos compañeiros seus. Os cinco ascetas convertéronse nos primeiros discípulos e monxes da comunidade ou sangha. O Buda ensinoulles a plena disciplina para comprender a liberación e obter o nirvana e enviounos a predicar. Organizou a comunidade monástica que consistiu nunha orde de monxes ou mendicantes (bhiklu). A doutrina do Buda representaba unha profunda revolución espiritual do hinduísmo e ofrecía un camiño de liberdades aos homes de toda condición social, sen distinción de castes. A súa doutrina catro séculos despois foi recollida no canon búdico. Morreu aos 80 anos e o seu corpo foi incinerado. As cinsas repartíronse entre os seus discípulos máis importantes e con elas fixeron relicarios (stupa). Rapidamente, estendeuse o culto ás reliquias e aos obxectos usados por el. Aínda que segundo a doutrina orixinaria, entrado no nirvana o Buda non tiña relación co mundo, intensificouse o culto para facer activa a súa gracia, sobre todo no budismo mahāyāna. Ademais do nome de Buda, tamén lle deron outros como Tathāgata (‘o que veu’), Bhagavat (‘Señor’) e Shākyamuni (‘sabio do clan dos Shākya’).
Cronología
-
Deceso
Lugar : Kusin&#