Budapest

Budapest

Capital de Hungría, situada na beira do Danubio, na saída das gorxas entre os macizos de Pilis e Börzsöny, que na división administrativa do país constitúe un condado (525 km2; 1.861.383 h [1998]). Consta de dúas partes: Buda, o núcleo antigo, situada sobre os outeiros de Buda e o monte Gellért, á beira dereita do río, e Pest, situada nunha chaira aluvial, na beira esquerda do Danubio. Ambos os dous núcleos desenvolvéronse en círculos concéntricos: no primeiro están os distritos comerciais; o segundo desenvolveuse a partir do s XIX; o terceiro, que se estende ata un cinto de parques e xardíns, comprende os barrios residenciais a ambas as bandas de amplas avenidas radiais. Xa antes da Segunda Guerra Mundial a cidade experimentara un novo crecemento a causa do desenvolvemento da industria, que provocou o nacemento de barrios obreiros, habitados principalmente por inmigrantes procedentes das comarcas rurais. En 1950 a cidade ampliouse de novo coa anexión de sete localidades veciñas. Localizada nunha encrucillada de camiños naturais, comunícase por medio do Danubio coa Europa central, cos países do Mar Negro e con Romanía. Os ferrocarrís e as estradas seguen esas vías naturais. Ten aeroporto internacional en Vecsés e as instalacións portuarias sobre o Danubio esténdense ao longo de 3 km. Budapest é o principal núcleo industrial do país, con fábricas dos sectores téxtil, farmacéutico, de maquinaria, madeireiro, papeleiro, zapateiro e de edición e artes gráficas. É tamén un centro de ensino superior, sede da Eötvös Lovand Tudományegyetem (Universidade Lovand Eötvös), fundada en 1635; da Semelweis Orvostudományi Egyetem (Universidade Médica de Budapest), fundada en 1796; Marx Károly Közgazdaságtudományi Egyetem (Universidade de Ciencias Económicas Karl Marx), fundada en 1948 e a Kertészeti Egyetem (Universidade de Agronomía), fundada en 1853. No lugar da Buda posterior houbo unha colonia romana chamada Aquincum que se converteu na residencia do gobernador da Panonia Inferior. Por outra banda, Pest foi unha colonia romana situada na beira oposta do Danubio. Despois da crise do Imperio as dúas cidades, Buda e Pest, caeron baixo o poder de Atila (s V) e dos maxiares (s IX), que se estableceron na capital. En 1241 foi arrasada polos tártaros e posteriormente o Rei Bela IV mandou edificar unha fortaleza que se chamou Buda. Contra o s XV as poboacións de Buda e Pest convertéronse en importantes centros comerciais e culturais, pero sufriron o dominio otomano dende 1541 ata 1686, ano en que foron conquistadas polo Imperio Austríaco durante a ofensiva xeral contra os turcos. En 1693 o Emperador Leopoldo I obtivo dos húngaros a submisión á casa dos Habsburgo. O Emperador Xosé II (1780-1790) organizou aquí unha das dúas chancelerías do imperio. Gradualmente, Buda transformouse nun centro residencial mentres Pest crecía como unha cidade comercial. Buda converteuse na capital do Reino de Hungría a raíz do compromiso na monarquía dual de 1867 e, en 1873, uniuse definitivamente a Pest. En 1919 os revolucionarios dirixidos por Bela Kun apropiáronse da cidade ata que as tropas romanesas, co apoio da aristocracia militar e dos conservadores, a ocuparon o 4 de agosto e o ditador Horthy a conquistou o 14 de novembro. No transcurso da Segunda Guerra Mundial, despois da detención de Horthy, o 15 de outubro de 1944, o exército alemán ocupou Budapest, de onde foi desaloxado pola ofensiva soviética o 13 de febreiro de 1945. A cidade quedou baixo a administración soviética ata o tratado de paz de 1947. En outubro de 1956 produciuse unha revolta xeral, afogada pola intervención das tropas soviéticas (4 de novembro), baixo o goberno de János Kádár. Entre os monumentos cómpre destacar o que conmemora o milenio da chegada dos maxiares a Hungría, obra de Schickendanz e Zala. Os edificios máis significativos son o asilo de inválidos (1727-1735), a actual casa do concello, de estilo barroco, e o parlamento (1884-1904), neogótico, obra de Imere Steindl. Ao iniciar o s XX adoptouse o estilo da Bauhaus. Entre os museos destacan o Museo Nacional (Nemzeti Múzeum); o Museo de Belas Artes (Szépmüvészeti Múzeum), cunha colección de obras do s XIX francés e cadros de Correggio, O Greco, Caravaggio e Goya; e o Museo de Artes Aplicadas cun gran número de pezas de cerámica, tapices e orfebrería.