budismo

budismo

(

s m [RELIX]

Termo occidental que indica o sistema polimorfo de crenzas e prácticas centradas no ensino e na persoa de Buda. A pesar da súa unidade orixinaria, presenta unha gran complexidade e heteroxeneidade motivada polos diversos desenvolvementos e distintas interpretacións da doutrina primitiva e pola súa adaptación ás características dos países onde penetrou. O núcleo da doutrina orixinal de Buda foi dado, segundo a tradición, no sermón de Benarés. Céntrase nas catro nobres verdades: primeira, a constatación da universalidade do sufrimento; segunda, a causa deste é o desexo; terceira, a súa cura é a supresión da dor mediante a supresión do desexo; e cuarta, o camiño ao que conduce é a vía media que evita estes dous extremos do aferramento ao pracer e da mortificación e se condensa na óctupla vía excelente: comprensión recta, intención recta, palabra recta, acción recta, medios de existencia rectos, esforzo recto, atención recta e concentración recta. Tratábase sobre todo dunha pedagoxía moral ou principios dunha ética humana, individual e social, único camiño da liberación. Fronte aos sistemas filosóficos ou relixiosos contemporáneos e, sobre todo, ás dúas verdades incuestionables da filosofía india, a do samsāra (ciclo das reencarnacións) e a do karma (retribución polas obras) os desenvolvementos primitivos da doutrina budista constitúen un cadro doutrinal común a todas as escolas: o individuo humano non está constituído por un eu (atta) permanente ou ánima substancial, senón por cinco grupos de calidades (skandha) que inclúen a forma ou corpo, sentimentos, percepcións, formacións mentais e consciencia, en cambio perpetuo, como todos os seres. Todo non ten substancia (anatta), todo é inquietude ou dor (duhkha), todo é momentáneo (anica). A vida é un fluxo continuo de formas sempre cambiantes, onde todo se transforma segundo a lei da causalidade universal ou do karma: cada acto leva o seu resultado, principio básico para a mellora moral. Mergullado no ciclo da existencia transmigratoria, o individuo efectúa o seu progreso moral seguindo a oitava vía excelente, pola que se dirixe ao nirvana ou liberación definitiva da roda de reencarnacións e, xa que logo, do sufrimento. No s III a C a comunidade monástica ou sa ṅ gha estaba constituída polos que consagraban a vida exclusivamente á disciplina moral e mental que conduce ao nirvana. Vivían da caridade e, no seu interior, non hai distinción de castes. Á beira da comunidade, había laicos que se adherían ás ensinanzas de Buda pero que non se consideraban capaces de asumir o nirvana na vida presente, aínda que aspiraban a unha existencia superior. Segundo a tradición, pouco despois da morte de Buda reuniuse un concilio en Rājagriha para establecer a súa doutrina verdadeira e a disciplina monástica a seguir. Cen anos máis tarde parece que se reuniu un concilio, en Vaishālī, onde se manifestaron desacordos entre os chamados monxes antigos (sthavira), defensores da tradición, e os membros da gran comunidade (mahasaghika), a facción máis liberal que influíu na aparición da escola mahāyāna. A comunidade budista ofreceu unha base de solidaridade social e coas súas ensinanzas pacifistas favoreceu a expansión económica e a aparición de líderes políticos. Entre eles, o Emperador Aśoka (270?-232 a C), convertido ao budismo, quen propagou unha ideoloxía pacifista, baseada na ética budista. Tentou unificar a comunidade coa convocatoria do terceiro concilio budista, en Pātaliputra, que foi a base da ortodoxia tradicional ou da escola Theravāda. O seu ideal é o arhat, santo perfecto que, polo cumprimento da oitava vía excelente acadou o nirvana por el mesmo. O budismo mahāyāna (ou ‘gran vehículo’) baseábase nas escrituras da tradición sánscrita e consideraba a escola tradicional como unha formulación primitiva e incompleta do budismo, de aí a chamada hīnayāna ou ‘pequeno vehículo’. Facía unha interpretación relixiosa e metafísica da natureza do Buda histórico, considerado unha das moitas encarnacións do Buda transcendente, e propoñía un ideal de salvación universal concretado bodhisattva, que retarda voluntariamente a súa entrada no nirvana para axudar á salvación dos outros homes. Por outra banda, cos seus desenvolvementos teolóxicos e coa aparición de escolas filosóficas, sobre todo a Mādhyamika e a Vijnanavāda ou Yogāchāra, atraía moitos intelectuais, mentres que polo principio de evolución e adaptabilidade fomentaba o seu universalismo. Esta mesma tolerancia, xunto coa influencia dos textos esotéricos do tantrismo, deu lugar a un terceiro vehículo chamado Vajrayāna (‘vehículo do diamante’), baseado en meditacións ritualistas, fórmulas sagradas (mantra), xestos (mudrā) e simbolismo sexual. Despois do s X, o budismo comezou a declinar na India: o teísmo mahāyāna e o tantrismo apenas podían distinguirse do hinduísmo, e Buda converteuse nunha das moitas encarnacións de Vishnu. Sri Lanka foi ata hoxe un dos lugares principais do budismo theravāda. En Myanmar, antiga Birmania, o budismo chegou probablemente no s I d C, e estendeuse nun primeiro momento só polo sur nunha mestura de hīnayāna e mahāyāna coa relixión indíxena. Coa conversión do Rei Anorattha (Anawratha?) de Pagan (s XI), a escola theravāda impúxose e estendeuse por todo Myanmar, onde segundo a Constitución de 1961 é a relixión do estado. Dende Sri Lanka e Myanmar o budismo theravāda pasou, dende o s XIII, a Tailandia, Camboxa e Laos. En Indonesia foi introducido nas tres formas theravāda, mahāyāna e tántrica, pero a partir do s XV o Islam foi predominante en Malaisia, Sumatra, Xava e Borneo. O budismo mahāyāna estendeuse polo norte da India (Magadha, Benarés, Avadh, Gandhāra). Desde alí, en tempos dos Kushān (ss I-II d C), fixo rápidos progresos por Asia central xunto coa arte grecobúdica. De Bactriana, a través da ruta da seda, ao longo da que se estableceron comunidades, foi penetrando na China. As sectas máis importantes da China foron a zhenyan, tiantai, a quingtu e a chan. O s VIII representou o momento culminante da creación dunha cultura budista relativamente unificada. Durante os ss XI-XIX non tivo ningún papel importante, agás no tempo do dominio mongólico (1280-1367). Dende China, o budismo pasou a Annam (Vietnam), onde aínda persiste. No ano 372 chegou a Corea, onde na Idade Media tivo un papel importante, ata que, despois da chegada da dinastía Yi (1392), perdeu a preponderancia fronte ao confucianismo. Dende Corea, unha embaixada levouno a Xapón cara ao 525. O budismo comezou a xaponizarse por obra de Saicho (fundador da seita tendai) e de Kukai (fundador da seita shingon). As loitas entre mosteiros que provocaron a aparición de monxes-guerreiros estiveron seguidas dun novo budismo, o máis propiamente xaponés, con sectas propias, jodo-shu, shin, zen e nichiren, que se mantiveron dentro do mundo de ideas do budismo mahāyāna. No Tibet introduciuse no s VII nunha forma mesturada de ideas e prácticas tántricas con tradicións hīnayāna e mahāyāna, que absorbeu tamén elementos da relixión aborixe, o bon. A relixión complexa que resultou chamouse lamaísmo. O lamaísmo estendeuse tamén a Mongolia no s XVI, favorecido por Altan Khan, e aos reinos do Himalaia.

Palabras veciñas

Budio | budión | Budión | budismo | budista | budo | Budo