Buero Vallejo, Antonio

Buero Vallejo, Antonio

Escritor e dramaturgo. Xunto con Alfonso Sastre e Alfonso Paso dominou a escena española na década dos anos cincuenta e sesenta. Foi apresado en 1939 a causa da súa participación na Guerra Civil. A súa obra Historia de una escalera, estreada en 1949 e galardoada co Premio Lope de Vega, constitúe un dos fitos do realismo que daría lugar á aparición dunha problemática crítica, ausente na escena española desde 1939, e unha das primeiras miradas críticas á España da posguerra que influiría en autores posteriores. A súa técnica evolucionou desde as formas do teatro psicolóxico e existencial ata as influídas polo teatro brechtiano, aínda que sempre cunhas solucións moi persoais, presentando os obstáculos que limitan a condición humana e que ou son externos, e aquí se inscribe a súa vertente social e política, ou internos, enmarcados nunha ambigüidade transcendente. Para el, o coñecemento humano móvese entre as insuficiencias físicas e a inseguridade das intuicións, expresada a través de personaxes e situacións fantásticas. Logo chegarían novos espectáculos creados a partir doutros textos seus como: En la ardiente oscuridad (1950), La tejedora de sueños (1952), Las cartas boca abajo (1957), Un soñador para un pueblo (1958), Las meninas (1960), El concierto de San Ovidio (1962), Aventura en lo gris (1964), El tragaluz (1967), El sueño de la razón (1970), Llegada de los dioses (1971), La fundación (1974) ou La doble historia del doctor Valmy (1976). Nestas obras a temática e o seu tratamento diversifícanse considerablemente, de xeito que a literatura de Buero Vallejo, no seu conxunto, pode considerarse como unha das máis importantes achegas á literatura dramática española no s XX, sempre caracterizada por unha visión crítica da realidade e por unha permanente preocupación polo home, enfrontado á súa circunstancia histórica. Entre as últimas obras teatrais que escribiu destacan Caimán (1981), El pato silvestre (1982), Lázaro en el laberinto (1986), Música cercana (1989) e Las trampas del azar (1994). En Galicia tense realizado algún espectáculo a partir de textos da súa autoría como As cartas boca abaixo ou El tragaluz. En 1971 foi elixido membro da Academia Española e en 1986 recibiu o Premio Cervantes.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Guadalajara

  • Deceso

    Lugar : Madrid