Bug

Bug

Río de Ucraína e Polonia, afluente pola dereita do Vístula. Nace na vertente occidental do altiplano de Podolia, en Ucraína, e flúe cara ao N, formando, durante unha parte do seu curso, a fronteira entre Polonia, Ucraína e Bielorrusia. Despois vira cara ao O e intérnase no territorio polaco, desembocando no Vístula, ao NO da cidade de Varsovia, logo dun percorrido de 814 km. Ten un réxime nivo-pluvial e é navegable ata Brest, aínda que a navegación se interrompe nos meses de inverno a causa do xeo. No seu curso alto únese ás concas do Prip’jat’ e do Dniéper polo canal Dneprovsko-Bugskij.