Bühler, Karl

Bühler, Karl

Psicólogo e lingüista alemán. Foi profesor en Múnic, Dresden e Viena, onde ocupou a cátedra de Psicoloxía da facultade de Filosofía, e emigrou a Pasadena (California) para exercer a docencia en varias institucións. Influído polas investigacións da escola de Würzburg, orientouse cara ao estudo experimental do pensamento e da linguaxe, e seguiu as teorías biopsicolóxicas da escola da Gestalt. Nunha primeira etapa, dedicada á psicoloxía, realizou diversas investigacións sobre as percepcións de formas ou estruturas e sobre o desenvolvemento psíquico do neno. Posteriormente, xa dentro do campo da lingüística, analizou as funcións expresiva, apelativa e representativa e os fenómenos da linguaxe falada. Bühler consideraba que o obxecto total da lingüística estaba formado por catro campos: a acción verbal, o produto lingüístico, o acto verbal e a forma lingüística. É autor de Gestaltwahrnehmungen (A percepción da forma, 1913), Die Geistige Entwicklung des Kindes (O desenvolvemento psíquico do neno, 1918), Die Krisis der Psychologie (A crise da psicoloxía, 1927) e Sprachtheorie (Teoría da linguaxe, 1934).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Meckesheim, Baden

  • Deceso

    Lugar : Los Angeles, California