Bukhara
Capital da oblast’ homónima, en Uzbekistán, situada no extremo occidental do gran oasis de Zeravsan (238.000 h [1995]). É un centro téxtil e peleteiro (Karakul), ademais de estación de termo do ferrocarril. A penetración árabe, iniciada no 674, non se consolidou ata a conquista de Qutayba ibn Muslim no 709. Durante a época samánida (892-999) foi un importante foco cultural, centro do renacemento literario persa. Caeu no 1500 en poder dos uzbekos, que a converteron na súa capital. Os khans ou emires da dinastía manqīt que gobernou entre 1785 e 1920, recoñeceron o protectorado ruso en 1868 e foron derrocados polo Exército Vermello en 1920. Entre os monumentos da cidade destacan o pretendido sepulcro de Ismā’īl Sāmānī (s X) e o minarete de Kalyan.