Bukovina

Bukovina

Rexión da Europa centrooriental, situada entre a rexión histórica de Galitsia e a rexión de Moldavia, e actualmente dividida entre Ucraína e Romanía. A parte sudoccidental, montañosa, esténdese sobre os Cárpatos e a parte nororiental abrangue a chaira aluvial dos ríos Prut e Siret. Atópase baixo un dominio climático continental, con invernos moi fríos (-4°C de temperatura media no mes de xaneiro), veráns moi calorosos (25°C de media no mes de xullo) e unha pluviosidade escasa (uns 600 mm anuais). Está drenada por numerosos ríos (Moldava, Siret, Prut) e o Dniéster constitúe o límite setentrional. Os solos, moi fértiles, son a base dunha agricultura próspera. A vexetación natural está constituída por bosques, que abranguen o 60% da superficie da rexión, predominando as faias nas áreas baixas e as coníferas nas máis elevadas. As principais actividades económicas son a agricultura (sobre todo cereais) e a explotación forestal, que abastece as industrias da madeira. Destacan tamen a gandería e a explotación do sal e dos xacementos de petróleo. Como núcleos urbanos figuran Černovcy (Cern ǎ uţi), que foi a capital e o principal centro cultural, situada no territorio ucraíno, e Suceava, Cîmpulung Moldovenesc e Siret, en territorio romanés. Integrada dentro da provincia romana da Dacia, Bukovina formou parte do principado de Moldavia a partir do s XIV, e xunto con este caeu en poder de Turquía ao comezo do s XVI. Ocupada por Rusia (1769-1774), foi cedida por Turquía a Austria en 1775, e a partir de entón pertenceu a esta ata 1918; primeiro como distrito de Galitsia, dende 1787, e como país autónomo da coroa (Kronland) dende 1849. Baixo a dominación austríaca mantívose o equilibrio entre as diversas etnias da rexión. A pesar de estar anexionada a Romanía polo tratado de Saint Germain (1919), en 1940 o goberno de Bucarest tivo que ceder Bukovina do norte a Rusia. O réxime de Hitler repatriou entón a todos os alemáns da rexión (máis de 93.000); Bukovina do norte foi ocupada temporalmente polos romaneses, de 1941 a 1944, como aliados dos alemáns e, en 1947, foi incorporada a Rusia coa división actual, só alterada coa independencia de Ucraína en 1991, que responde aproximadamente ás zonas de maioría ucraína e romanesa. No campo artístico salientan pola súa singularidade as igrexas, decoradas exteriormente por pinturas ao fresco, entre elas destacan as de Voroneţ, Humor, Moldoviţa, Suceviţa, Arbore e Putna, todas dos ss XV e XVI. Os murais manteñen o estilo bizantino pero interpretado dun xeito orixinal, cunha expresividade, humanidade e riqueza cromática e ornamental; as escenas están distribuídas en numerosos compartimentos, xeralmente sobre un fondo azul.