búlgaro -ra

búlgaro -ra

(< topónimo Bulgaria)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Bulgaria, aos seus habitantes, ao pobo búlgaro ou á súa lingua.

  2. s

    Natural ou habitante de Bulgaria.

  3. s
    1. [ETN]

      Individuo do pobo búlgaro.

    2. [ETN]

      Pobo que habita, formando un grupo homoxéneo, en Bulgaria e que se estende cara ao norte, en Romanía; son o resultado da fusión dos antigos poboadores turcos do s VII, chamados tamén búlgaros ou protobúlgaros, co substrato eslavo, do que adoptaron a lingua e a cultura. Tamén recibiron influencias cristiás (creación da Igrexa Ortodoxa búlgara no s IX) e turcas. Os búlgaros, aproximadamente uns 9.000.000 de individuos, abandonaron o norte de Grecia a raíz do Tratado de Lausanne en 1923.

    3. [ETN/HIST]

      Pobo de orixe turca que se estableceu a mediados do s VII no N do Mar Negro; unha rama desprazouse cara ao sur chegando ao Danubio, e a outra estableceuse nas ribeiras do Volga dando lugar aos búlgaros do Volga.

  4. adx

    Xentilicio recollido por primeira vez a finais do s V, empregado polos bizantinos para designar os pobos non indoeuropeos do norte do imperio.

  5. s m [ALIM]

    Pastel de forma cilíndrica, semellante a un brazo de xitano pero moito máis pequeno, que a miúdo se recobre de chocolate e vai recheo de nata ou de crema.

  6. s m [LING]

    Lingua eslava meridional falada en Bulgaria, Serbia, unha parte de Grecia, Romanía, Moldavia e Ucraína. O búlgaro escríbese en alfabeto cirílico, que se compón de trinta letras, das que se suprimiron dúas na reforma ortográfica de 1945. A historia da lingua búlgara divídese en tres períodos principais: o búlgaro antigo ou eslavo antigo, usado ata o s XII; o búlgaro medio, variante do eslavo meridional, empregado dende o s XII ata o s XIV; e o búlgaro moderno, que ofrece moi poucas analoxías co primeiro. Dentro do búlgaro considéranse dous dialectos principais: o búlgaro oriental, no que a antiga vogal ĕ confundiuse con ia e orixinou a alternancia e/ia, e o búlgaro occidental no que esa vogal evolucionou cara ao son [e]. A lingua literaria contemporánea, aparecida a partir do s XVIII e consolidada a mediados do XIX, baseouse nos dialectos do nordés. Caracterízase por ser unha lingua analítica que practicamente perdeu toda flexión nominal, posposición do artigo determinado (lup ‘lobo’/lupul ‘o lobo’), a formación dun comparativo analítico, a perda do infinitivo e a permanencia do aoristo. A partir do búlgaro medio tendeuse a simplificar o sistema vocálico, que pasou de ter once vocais no búlgaro antigo a seis (a, e, i, o, u e unha vocal transcrita ă), e a enxordecer as consoantes. O búlgaro moderno descoñece, salvo nalgúns dos seus dialectos, as consoantes puras e as oposicións de ton e cantidade das vocais. O acento é libre, igual ca no ruso e serbocroata. O léxico búlgaro contén numerosos préstamos do grego, turco, albanés e romanés, así como doutras linguas europeas, principalmente do francés. Dentro das linguas eslavas é o ruso literario o que máis influíu no búlgaro moderno. Polo que respecta ás publicacións poden citarse as gramáticas de Kyriak Cankof (1859), Morse (1859), Wagner (1884) e Strauss e Dugovich (1895), e os dicionarios de Gerov (1895), Miladinow (1897) e Bogoroff (1869).

  7. arte búlgara [ARTE]

    Arte desenvolvida polo pobo búlgaro. A arte búlgara produciu unhas das primeiras realizacións urbanas do mundo eslavo (s VIII), con igrexas basilicais e de planta circular, que perduraron ata o s XI, como a basílica de Pliska-Aboba, e a igrexa do pazo Preslav. Do s XII ao XIV aumentou a influencia bizantina na arquitectura. Os zografs (‘pintores relixiosos’) búlgaros crearon, así e todo, obras de carácter diferente. As pinturas murais máis importantes atópanse nos osarios dos mosteiros de Baškov (s XII) e Bojana (s XIII). Os osarios son notables tamén pola súa planta dunha soa nave. A icona máis antiga, San Teodoro, é un exemplar único. A partir do s XII comezou a espiritualización da forma. Numerosas iconas levan inscricións en grego, reflectindo o prestixio do que gozaban entre os búlgaros as iconas deste país. A escola de Târnovo produciu iconas ata a conquista de Bulgaria polos turcos. Entre os manuscritos sobresae o salterio de Tomichov, do s XIV. A pesar da dominación turca xurdiron aínda pinturas murais nas igrexas de San Pedro e San Paulo de Târnovo (s XV) e na ermida Orlice (1491), entre outras. Pero despois os zografs permaneceron prisioneiros de vellas fórmulas iconográficas e inspiráronse en ideas de Plotino e do Pseudo-Dionisio Areopaxita. No s XIX produciuse un rexurdir da arte, no que participou o pintor Jan Mrkvicka, tomando como fontes de inspiración tipos e costumes locais, e a familia formada por Zografo e o seu fillo Dospevski, retratistas de estilo occidental. Dentro das correntes artísticas vangardistas de finais do s XIX, destaca o impresionista Petrov. A principios do s XX sobresae o expresionista Julius Pincas (1885-1930). Tiveron gran prestixio os postulados do realismo socialista. A escultura é moi nova; nela destacan I. Lazarov, V. Ginovski e V. Ninekov. A arquitectura moderna aparece logo da Segunda Guerra Mundial co primeiro urbanista búlgaro L. Torner, autor dos plans de renovación das cidades de Sofia (1945), Loveč e Burgas.

  8. búlgaro do Volga [ETN/HIST]

    Pobo búlgaro que remontou o Volga no s VII e se estableceu cerca da confluencia deste río co Kama, onde constituíu un estado que perdurou ata o s XII. Convertidos ao Islam no s IX, formaron diversas hordas, das que só unha se pode considerar búlgara. Situados na encrucillada de importantes rutas comerciais, especialmente da que seguía o Volga e se prolongaba ata Bagdad, acadaron un gran desenvolvemento no comercio. A cidade principal, Bulgar, converteuse no mercado máis importante do curso medio do Volga. Os búlgaros do Volga tiveron fricións constantes cos príncipes de Kiev, polo que o seu estado foi destruído por Bātū en 1237 e foron sometidos á Horda Dourada.

  9. cine búlgaro [IMAX]

    Cine realizado en Bulgaria. A nacionalización do cine búlgaro ofreceu os primeiros resultados nos anos cincuenta, cando a produción foi dominada maioritariamente por filmes de temática histórica e estética realista, ata que no ano 1957 Na Malkja Ostrov (Na pequena illa) de Rangel Valčanov achegou unha corrente de renovación plástica que se estendería tamén cara a unha certa diversificación de xéneros. Pero os verdadeiros cambios organizativos da industria non tiveron lugar ata 1970, cando as tres unidades nacionais de produción se unificaron baixo a dirección estatal de cinematografía. Gracias a isto, a produción estabilizouse con aproximadamente vinte longametraxes anuais, dirixidas por cineastas como Georgij Dulgerov, Nikolaj Korabov, Ivan Andonov ou L’udmil Stajkov.

  10. literatura búlgara [LIT]

    Literatura desenvolvida polo pobo búlgaro. O inicio da literatura eslava, especialmente a búlgara, atópase na creación do alfabeto eslavo, obra dos irmáns Cirilo e Metodio, no ano 855. A literatura búlgara non adquiriu formas propias ata ben entrado o s XIX, co espertar das conciencias nacionais. En 1762 Paisij, un monxe do monte Athos, escribiu en forma de crónica a historia dos eslavo-búlgaros e, ao ser publicada no ano 1842, converteuse na obra básica para o desenvolvemento do nacionalismo búlgaro. O ambiente que xurdiu durante todo o s XIX a raíz da loita pola independencia, favoreceu o nacemento dunha literatura romántica, tradicional, de intención patriótica e didáctica, e exaltadora do pasado histórico. Os representantes máis xenuínos -Ivan Vazov, Petko Slavejkov e Aleko Konstantinov, entre outros- propuxéronse fixar a lingua nacional. Os escritores da xeración seguinte romperon coa literatura anterior e adheríronse ás filas do simbolismo europeo: Penčo Slavejkov é o autor máis representativo. Logo da Primeira Guerra Mundial iniciouse o cultivo da novela realista, descritiva, de temática social (Elin Pelin, pseudónimo de Dimitǔr Ivanov; Jordan Jovkov), que se converteu no precedente inmediato do realismo social. Na literatura contemporánea destacan, entre outros, os narradores Dimitǔr Dimov, Dimitǔr Telev, Pavel Vežinov, Angel Karaličev, Emilian Stanev, Emil Manov, Karmen Kalčev, Jordan Radičkov, Atanas Nakovski e a poetisa Elisaveta Bagr’ana.

  11. música búlgara [MÚS]

    Arte musical de Bulgaria. Os monxes eslavos Cirilo e Metodio traduciron os cantos litúrxicos bizantinos á lingua eslava (s IX). Os seus discípulos, expulsados de Moravia, refuxiáronse en Bulgaria; Clemente, o máis coñecido, abriu escolas, ensinou notación, compuxo música e formou coros para as igrexas. Cando Rusia se converteu ao cristianismo (988-989) buscou manuscritos para os oficios sagrados en Bulgaria, daquela único fogar de cultura eslava. Copias dalgúns destes manuscritos en búlgaro antigo e con neumas bizantinos consérvanse en bibliotecas rusas; os máis antigos datan do s XI. A tradición búlgara aínda está presente en moitas melodías da liturxia rusa, indicadas co nome de bolgarskij razpev (‘canto búlgaro’). En 1018, baixo a dominación bizantina, os búlgaros seguiron todas as evolucións do sistema musical bizantino; un dos compositores bizantinos principais foi J. Kukuzeles (s XIV), de procedencia búlgara. A escola musical moderna non comezou a desenvolverse ata finais do s XIX. No país non existía máis que a música popular, de orixe moi primitiva, con intervalos pouco definidos. A fundación das primeiras institucións musicais (conservatorio musical, 1904 e o teatro de ópera, 1908) foi obra dos músicos desa época, entre os que destacan Emanuel Manolov (1860 - 1902), Angel Bukurecliev (1870 - 1950), Panajot Pipkov (1871 - 1942) e Georgi Atanassov (1881 - 1931). Entre os músicos da xeración seguinte, máis preparados tecnicamente, destacan Pančo Vladigeriev, Lubomir Pipkov e Filip Kutev. Entre os contemporáneos sobresaen Lazar Nicolav, Simeon Pironkov e Bojidar Dimov.

Palabras veciñas

Búlgar | Bulgaria | Bulgaria | búlgaro -ra | buliaño de estoas | bulicio | bulicioso -sa