Buonarroti, Michelangelo
Escultor, pintor, arquitecto e poeta. Tras superar a oposición do seu pai, ingresou con trece anos na bottega de Domenico Ghirlandaio en Florencia, onde coñeceu a técnica do fresco e colaborou na realización dos frescos da igrexa de Santa Maria Novella. Posteriormente, estudiou escultura nos xardíns dos Medici, baixo a protección de Lorenzo o Magnífico e a dirección de Bertoldo di Giovanni, discípulo de Donatello. Nesta época esculpiu a Centauromaquia (1490-1492), onde xa manifestaba a súa preocupación pola anatomía. Trala caída dos Medici, instalouse en Boloña, onde estudiou a obra de Iacopo della Quercia. En 1495 regresou a Florencia e traballou para Pierfrancesco de Medici. Un ano despois realizou a súa primeira viaxe a Roma onde esculpiu o Bacus (1496-1497) para o banqueiro Iacopo Balli e a Pietat do Vaticano (1498-1499). Volveu a Florencia en 1501; realizou, daquela, o David (1501-1504) e recibiu o encargo de decorar a sala do consello do Palazzo della Signoria onde pintou o fresco, hoxe perdido, da Batalla de Cascina. Ao mesmo tempo, realizou tondi esculpidos, Madonna Pitti (1505?), e pintados, Tondo Doni (1506). En 1505 foi chamado a Roma polo Papa Xulio II que lle encargou a realización da súa tumba da que só esculpiu as esculturas de Moisés (1515?), onde se amosa con maior perfección o sentimento da terribilitá, e os Escravos ou cativos (1513?). O papa encargoulle tamén a decoración do teito da Capela Sixtina (1508-1512). Coa elección dun Medici como papa, León X, volveu traballar en Florencia onde proxectou en 1516 a fachada da igrexa de San Lorenzo, inda que non chegaría a se executar. Para esta igrexa realizou a Biblioteca Laurenciana e a Capela dos Medici ou Sancristía Nova, capela funeraria que alberga os sepulcros de Giuliano e Lorenzo de Medici (1525-1534) coas estatuas do defunto e as figuras do Día, a Noite, a Aurora e o Crepúsculo. Traballou como enxeñeiro militar para a Repùbblica di Firenze e en 1529 foi nomeado gobernador xeral de planificación e viaxou por Pisa, Livorno e Ferrara para coñecer o estado das murallas. En 1534 instalouse en Roma definitivamente. O Papa Paulo III encargoulle a decoración do testeiro da Capela Sixtina onde pintou o Xuízo Final (1535-1541) e, en 1540, a decoración da Cappella Paolina. Esculpiu tres obras, que haberían quedar sen rematar, co tema da piedade: Pietat de Santa Maria dei Fiori de Florencia, Pietat Rondadini e Pietat Palestrina. Dedicado á arquitectura, sucedeu a Antonio Sangallo nas obras do Vaticano, onde proxectou a cúpula e corrixiu a estrutura da basílica. Reformou o Palazzo Farnesio e ordenou entre 1538 e 1539 o Campidoglio (Capitolio) de Roma, onde dispuxo tres palacios -o Palazzo del Conservatori, o Museo Capitolino e o Palazzo del Senatori- nunha praza trapezoidal coa estatua ecuestre de Marco Aurelio como centro dun pavimento reticulado de forma oval. Como poeta escribiu unhas trescentas composicións que resultan moi orixinais en comparación coa lírica italiana contemporánea que acusaba un empobrecemento estilístico e temático. As Rime (Rimas) expresan o intento de recoller a realidade inmóbil da idea no proceso de transformación dos homes e das cousas; de aí a oposición temática entre luz e tebras, que caracteriza a lírica de Michelangelo e a súa constante elaboración estilística. Está soterrado na igrexa da Santa Croce.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Caprese, Toscana -
Deceso
Lugar : Roma