Burgo de Faro

Burgo de Faro

Denominación que fai referencia a unha fortificación altomedieval, situada probablemente nas inmediacións da actual entrada á ría do Burgo, que servía de defensa fronte ás incursións normandas. O fondo da ría converteuse nun espazo máis seguro, no que comezou a consolidarse un núcleo urbano. A mediados do s XII, a instancias do Emperador Afonso VII e do conde Fernando Pérez de Traba co fin de consolidar este núcleo urbano, decidiuse a instalación de importantes institucións eclesiásticas, das que destacan o mosteiro de Sobrado e a orde do Temple, que instalaría neste mesmo lugar a bailía de Faro, a máis importante de Galicia. A Igrexa compostelá, ausente nestas primeiras doazóns, queixouse a Fernando II de que o Burgo de Faro causaba prexuízo a Compostela, xa que diminuían as súas rendas ao recoller o tránsito marítimo que arribaría con anterioridade a Padrón. Fernando II dooulle en 1161, como compensación, a metade do Burgo de Faro co seu couto e co portádego dos navíos, engadindo a igrexa baixo a advocación do Apóstolo Santiago alí fundada. O patrimonio destas institucións foi medrando co tempo. Tamén a aristocracia leiga está presente no Burgo de Faro, destacando a casa de Traba á que pertencían boa parte destas paraxes.

Palabras veciñas

1 burgo | 2 burgo | Burgo | Burgo de Faro | Burgo de Osma, El | Burgo Imaxe | Burgo Ranero, El