Burgo de Osma, El
Municipio da provincia de Soria, Castela e León, estendido á esquerda do río Duero (5.053 h [1996]). Drenado polos ríos Ucera e Avión. A cidade é un centro agropecuario e de industria alimentaria. Na agricultura destaca a produción de cereais, uva, cánabo, feixóns e froitas. As fábricas de fariñas, chocolate, tinturas, panos e cordelería constitúen a principal actividade industrial. É sé episcopal, compartindo a súa capitalidade con Soria. A cidade, a antiga Uxama dos arévacos, tivo importancia en época romana. Da época medieval, conserva a catedral gótica (ss XIII-XIV), con obras importantes do s XVI como o claustro gótico ou o retablo maior, obra de Juan de Juni e Juan Picardo (1550-1554). No museo da catedral atópase o Beatus (1086); do restante patrimonio cómpre destacar a antiga universidade (1541-1554) e o vello castelo de Osma.