Burgos, Proceso de
Nome co que se coñece o consello de guerra celebrado en Burgos contra 16 persoas, acusadas de pertencer a ETA e da morte dun inspector de policía, entre outras accións armadas. O xuízo tivo lugar do 3 ao 9 de decembro de 1970 en condicións xurídicas moi precarias e con graves dificultades para os defensores (entre os que figuraban G. Peces Barba e J. M. Bandrés), polo que orixinou unha serie de protestas en toda Europa e España: manifestacións, cartas dos bispos vascos e do bispo de Barcelona, folga xeral no País Vasco e mobilizacións obreiras noutros lugares. Ao mesmo tempo os procesados fixeron unha defensa política da súa militancia. O goberno replicou a todo este movemento decretando o estado de excepción e a sentenza foi de seis condenas a morte, que o xeneral Franco, fronte ás peticións de clemencia, conmutou. O proceso, catalizador da crise do estado tardofranquista, acelerou o desprestixio internacional, estimulando a oposición interior e consolidou a loita do nacionalismo vasco, favorecendo a estruturación da esquerda abertzale.