Buscás, San Paio de

Buscás, San Paio de

Igrexa parroquial, situada en Ordes, construída a finais do s XII e de estilo románico, aínda que o interior foi moi modificado. A ábsida é de planta rectangular e o arco triunfal é de medio punto. No exterior do testeiro hai unha fiestra, con dúas columnas de capiteis vexetais aínda que nun deles se representa unha cara humana, que remata nun festón de sete arquiños de ferradura dispostos arredor dun bocel. No oco da xanela consérvase unha curiosa imaxe pétrea de San Paio, dos primeiros anos do s XVIII, vestido ao xeito da época, coa palma do martirio e co coitelo co que foi degolado. Na fachada principal ábrese unha porta con estilizadas columnas e arquivolta lixeiramente apuntada.