Caamaño Suárez, Manuel
Arquitecto. Profesor de construción rural galega na Escola Universitaria de Arquitectura Técnica. Investigador das construcións populares galegas, participou no Congreso Europeo do Hórreo na Arquitectura Rural (1985) e colaborou na obra Doce anos na busca da nosa identidade (1991). Entre outras obras, publicou Pro e contra da liturxia en galego: historia dunha polémica, (1980), Sobre Galicia, con responsabilidades (1989), A casa vivenda (1997), A casa popular (1999) e As construcións adxectivas (1999). Paralelamente, foi un activo militante galeguista, iniciando a súa andaina en Barcelona, onde foi vicesecretario do Centro Galego de Barcelona e fundou a Mocedade Galega en 1960. En 1964 instalouse na Coruña e ingresou no Partido Socialista Galego, ao que pertenceu ata 1980. Presidiu a Agrupación Cultural O Facho ata 1979. Ademais, foi vicepresidente da coral polifónica Follas Novas, membro dos consellos editoriais de Sept e Galaxia, un dos fundadores de ADEGA e da Sociedade Cultural Escola Aberta, patrón do padroado do Pedrón de Ouro, e membro do padroado do Museo do Pobo Galego e da Fundación Castelao.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Noia