2 cabaceira
(
Planta do xénero Cucurbita, da familia das cucurbitáceas, que se caracteriza por ser herbácea anual, dioica, de talo prostrado, groso, hirsuto e escabroso, e ter follas palmatinervias, máis ou menos lobuladas, gabiáns ramificados, flores campanuladas, grandes e amarelas, e froitos en pepónide, de parede resistente e grosa que madurecen no solo. As cabaceiras son plantas de orixe americana cultivadas polo seu froito, a cabaza, empregado para alimentación humana ou do gando, e tamén como plantas ornamentais. Baixo esta denominación englóbanse unhas 25 especies, das que a máis coñecida é C. pepo, con moitas variedades de cultivo como C. pepo var medullosa que produce as cabaciñas. Tamén cómpre destacar a cabaza confeiteira ou caiota, que pertence á especie C. maxima e da que se obtén o cabelo de anxo. As sementes da cabaceira poden comerse fritidas, e inxeridas crúas e en xaxún constitúen un excelente tenífugo. O cultivo dáse en gran diversidade de terreos, pero esixe importantes achegas de fertilizantes orgánicos. Seméntase en primavera e colléitase a partir de agosto.