Caballé i Folc, Montserrat
Soprano. José Antonio Bertrand foi o seu mecenas e promoveu a súa entrada no conservatorio do Gran Teatro do Liceu en 1950, onde foi discípula de Conchita Badía, Eugenia Kemmeny e Napoleone Annovazzi. A súa voz caracterízase por un magnífico timbre e gran musicalidade, acompañada dunha notable técnica que lle permitiu manter longas frases de canto legato e sobrecolledores agudos en pianísimo. O seu debut oficial foi no Teatro Principal de València (1954) coa Novena Sinfonía de Beethoven; posteriormente na Ópera de Basilea, a partir de 1957 e durante catro anos, cantou máis de corenta papeis entre os que destacaron as súas primeiras Mimi, Tosca, Aida e Salomé. Anos máis tarde debutou nos principais teatros de ópera do mundo: Ópera de Viena (1959), Scala de Milán (1960), San Carlo de Lisboa (1961), Liceu de Barcelona (1962), Teatro Colón de Bos Aires (1964), Metropolitan de Nova York (1965) e no Carnegie Hall de Nova York (1965). En Galicia debutou na Coruña en 1963 con Madama Butterfly. Dende a década dos setenta desempeñou un papel fundamental na recuperación das óperas de Donizetti facendo seus os papeis femininos de Lucrezia Borgia, Caterina Cornaro ou Maria Stuarda. Ademais interpretou boa parte dos principais papeis femininos de Verdi: Violeta de La traviata ou Desdémona de Otello; outros grandes compositores belcantistas: Bellini (Norma, La straniera) e Rossini (Ermione, Guillermo Tell); e incluíu títulos veristas e de Puccini (La Bohème, Tosca), de R. Strauss (Electra), de Massenet (Manon), Cherubini (Medea) ou Ponchielli (Gioconda). A súa discografía inclúe recitais con piano e orquestra, música relixiosa, zarzuela (La villana, Maruxa), e máis de corenta gravacións de ópera en estudo (Turandot, Aida, Manon Lescaut).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Barcelona