Cabana Yanes, Darío Xohán
Escritor. En 1970 estableceuse en Vigo, onde traballou no eido editorial da man de Xosé María Álvarez Blázquez en Edicións Castrelos de Vigo. Cinco anos máis tarde volveu a Lugo onde se dedicou a vender libros. Despois de ser liberado pola Central sindical nacionalista e traballar nela ata 1982, exerceu como garda municipal en Corcubión e como funcionario do concello de Lugo. Colaborador en diversas publicacións e xornais (A Nosa Terra, Teima, A Trabe de Ouro, Faro de Vigo, La Voz de Galicia, etc), deuse a coñecer no eido literario co libro de poemas Verbas a un irmao (1970). Posteriormente, publicou os poemarios Home e terra (1970), Romanceiro da Terra Cha (1973), Mortos porque Galicia viva (1974), co pseudónimo de Daniel Méndez, Elexía nunha escuridade mortal (1974), Ábrelle a porta ao día (1981), A fraga amurallada (Premio Cidade de Ourense, 1983), Cantigas de amor vilao (1987), VIII fragmentos (1987), Amor e tempo liso (1987), Patria do mar (1989), Chirlo merlo na figueira (1990), Antoloxía poética (1992), Recolleita (1992), Cinco lendas (1993) e Canta de cerca a morte (Premio Martín Codax, 1994). Como narrador publicou Noticias dunha aldea (1973), Galván en Saor (Premio Xerais, 1989), Fortunato de Trasmundi (1990), Libro dos moradores (1990), As aventuras de Breogán Folgueira (1990), Cándido Branco e o Cabaleiro Negro (1992), Vidas senlleiras (Premio Cidade de Lugo, 1992), O avión de Cangas (1992), O milagre das estrelas (1993), As viaxes do príncipe azul (1993), Cerco de ferro (1994), O cervo na torre (1994), Chucho Cacho (1994), O castrón de ouro (Premio Barco de Vapor, 1994), Morte de rei (1996) e Inés e a cadela sabia (2000). A partir de 1984 dedicouse intensamente ás traducións de poesía italiana -traducións en verso que respectan rigorosamente a métrica e a rima dos orixinais-. Publicou neste eido o Cancioneiro (1989), de Francesco Petrarca, A divina comedia (Premio Otero Pedrayo, 1990 e Medalla de Ouro do concello de Florencia) e Vida nova (Premio Ramón Cabanillas, 1994), ambas as dúas de Dante Alighieri. Ocasionalmente tamén traduciu poemas franceses e cataláns e publicou unha versión de Os tres mosqueteiros (2000).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Roás, Cospeito