Cabanas, San Pantaión de
Igrexa parroquial situada en Ourol. En 1392 Fernán Pérez de Andrade obtivo a licenza de construción desta igrexa e da de Santa María de Cabanas, aínda que o cabido de Mondoñedo se reservou os seus dereitos. Construída en estilo oxival nos últimos anos do s XIV ou principios do s XV, foi reformada no s XVIII. Ten unha nave con cuberta de madeira a dúas augas e unha capela maior, de máis altura ca a nave, con cuberta de madeira a catro augas. O arco triunfal é de medio punto. A portada principal está formada por unha arquivolta con arquiños lobulados que se apoia sobre columnas en ángulo. Dentro desta portada atópase outra de menores dimensións cun arco trilobulado. Diante da fachada hai un pórtico cuberto con saíntes laterais e cunha cuberta a dúas vertentes, na súa parte frontal está situada a torre formada por un corpo e unha balaustrada. O corpo das campás é de planta cadrada.