Cabe
Río afluente do Sil pola dereita. Nace a 960 m de altitude na parroquia de Foilebar, no concello do Incio. Adopta unha dirección NL-SO, que mantén durante todo o seu curso. Atravesa os concellos do Incio, A Pobra de Brollón, Bóveda, Monforte de Lemos, Sober e Pantón. Desemboca a 159 m de altitude, logo dun percorrido de 53 km, no lugar da Barca, no límite entre as parroquias (e concellos) de Frontón (Pantón), Anllo (Sober) e Santo Estevo de Ribas do Sil (Nogueira de Ramuín), aínda que non baña esta última parroquia. O seu réxime é pluvial, acadando o seu máximo caudal entre os meses de decembro e abril (no mes de febreiro acada os 23,16 m3/s), e acusando os efectos da estiaxe no mes de setembro (no que o caudal descende ata só 1,85m3/s). Ao final, chega ao Sil un caudal medio ao longo do ano de 9,5 m3/s. Artellador da rede fluvial da Terra de Lemos, depresión situada entre os cursos do Miño e do Sil, atravesa a cidade de Monforte de Lemos. Entre os seus principais afluentes cómpre mencionar o Mao, o Cinsa e o Ferreira pola dereita, e o Saa e o Sante pola esquerda. En total drena unha conca de 737 km2.