Cabeza de León, Salvador

Cabeza de León, Salvador

Xurista e político. En 1887, logo de acadar o título de doutor, comezou a súa carreira docente como profesor de dereito mercantil e internacional na Universidade de Santiago de Compostela, na que ocuparía as cátedras de Dereito Internacional dende 1903 e a de Dereito Canónico dende 1919. Como investigador realizou diversos traballos sobre materia xurídica, entre os que destacan El sistema de la personalidad en derecho (1903) e varios traballos sobre Díaz de Rábago e Saavedra Fajardo. Así mesmo, estudiou a actividade universitaria de Ramón de la Sagra e Domingo Fontán, e reuniu numerosos datos para a Historia de la Universidad de Santiago, editados postumamente por Enrique Fernández-Villamil en 1946; ademais escribiu o primeiro estudo xurídico escrito en galego, “A insinanza do direito román na Universidá de Sant-Yago hastra o plan de estudos de 1772” (1927). O prestixio acadado como especialista en dereito internacional foille recoñecido pola Carnegie Institution e polo Journal des Nations de Xenebra, participando na enquisa aberta por ese xornal sobre o problema do desarme, na que opinaron os principais internacionalistas e políticos mundiais. A súa actividade política comezou en 1890 cando fundou xunto con Alfredo Brañas a Asociación Regionalista Gallega, dende onde defendeu a constitución dunha monarquía federativa baseada na tradición histórica das monarquías hispánicas. En 1891 actuou como secretario dos Xogos Florais de Tui e en 1893 participou activamente na campaña que a Asociación iniciou contra o traslado da Capitanía Xeneral da Coruña a León, feito que lle valeu a incoación dun expediente administrativo. Trala disolución da Asociación, en 1896 foi un dos fundadores do Círculo Católico de Obreiros de Santiago de Compostela. Cando rexurdiu a necesidade de organizar novamente o rexionalismo galego, axuntou as diferentes correntes políticas na Liga Gallega de Santiago de Compostela, que presidiu dende 1898. Trala desaparición da Liga estivo a disposición dos partidos alternantes da Restauración, ocupando a alcaldía de Santiago de Compostela entre 1910 e 1914. En 1919 integrouse na Hirmandade dos Amigos da Fala de Santiago de Compostela e, posteriormente, formou parte do colectivo Nós e do Seminario de Estudos Galegos, do que foi presidente dende 1928. Paralelamente á súa actividade política, desenvolveu unha ampla tarefa como escritor. Colaborou no Libredón de Santiago de Compostela e noutras publicacións periódicas de ámbito español, como La Unión e El Correo, de Madrid, e La Ilustración Artística e La España Regional, de Barcelona. Como escritor publicou Primicias (1892), que inclúen catro poemas en galego, Coronación de Alfonso VII rey de Galicia en 1111 (1896), cadro lírico-dramático, e Camiño da vila (1915), cadro dramático en prosa e verso con música de Antonio García Jiménez aparecido no Almanaque gallego para 1917 de Castro López. Foi secretario da Sociedad Económica de Amigos del País, membro da Real Academia Galega, da Real Academia Española e do Instituto Histórico do Minho; ademais, concedéuselle a Cruz de Isabel a Católica.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Betanzos

  • Deceso

    Lugar : Santiago de Compostela