Cabrera, Bernaldo

Cabrera, Bernaldo

Entallador. Foi o introdutor da columna salomónica no barroco galego. En 1625, sendo veciño de Oseira, realizou o antigo retablo da antiga capela dos Reis, hoxe capela das Reliquias, na catedral de Santiago de Compostela. Na mesma catedral, xunto a Gregorio Español, fixo en 1628 o retablo para a capela da Azucena ou capela de dona Mencía de Andrade. Na cidade compostelá realizou as seguintes obras: en 1631 a reforma do retablo da capela maior do convento agostiño da Nosa Señora da Cerca, en 1636 o retablo da capela da confraría da Concepción ou da Prima, en 1639 o retablo principal da igrexa de San Miguel dos Agros, en 1657 o retablo da capela maior do Hospital Real, e, entre 1659 e 1663, traballou de novo na catedral nas obras do novo retablo da capela maior. Fóra de Santiago de Compostela realizou os seguintes retablos: en 1627 o da capela de Xerónimo de Sarabia no convento de San Francisco de Vigo, en 1631 o da capela maior do mosteiro de San Xoán de Poio, en 1640 os de santo Andrés de Pereira (Santa Comba), o da capela de san Bieito en San Pedro de Lantaño e o da confraría das Virtudes en San Verísimo de Barro (Caldas de Reis). Tamén realizou en 1641 o retablo maior do convento de San Francisco da Coruña, en 1642 traballou, xunto a Mateo de Prado, nun retablo en Vilagarcía de Arousa exercendo como mestre de arquitectura e en 1653 fixo o retablo maior do convento de San Domingos da Coruña.