Cáceres

Cáceres

Cidade e capital da provincia homónima, na Comunidad Autónoma de Extremadura (77.768 h [1996]). Rodeada por dúas aliñacións montañosas da época precámbrica, está situada nunha chaira (meseta Trujillo-Cacereña), na que sobresaen algúns outeiros de natureza calcaria, como Alberca (530 m) e Cabezarrubia (510 m). Nestas aliñacións montañosas aparecen numerososo vales, entre os que destaca, polo seu valor paisaxístico, o val de Valdeflores. O clima é mediterráneo, con veráns secos e calorosos. A economía baséase esencialmente no sector terciario, derivada sobre todo das súas funcións político-administrativas e sanitarias. As industrias máis importantes son a azucreira e a química. Nos últimos anos aumentou considerablemente o turismo, atraído principalmente polo seu conxunto monumental, declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade en 1986. Fundada polos romanos (74 a C), foi tomada polos árabes en 1142. Durante os ss XII-XIII tivo lugar o proceso de reconquista que rematou coa toma da praza en 1227 e a súa incorporación á coroa de León. Afonso VIII concedeulle en 1229 un foro liberal coa intención de dar facilidades para a repoboación. Os veciños escollían os seus rexedores ata que no reinado de Isabel a Católica pasaron a ser nomeados polo rei, o que deu lugar á creación dunha oligarquía aristocrática. A cidade conserva parte das murallas romanas, así como algunhas torres construídas no s XII polos almohades, tales como a Redonda e a Desmochada. A primitiva fábrica románica da igrexa de Santiago foi transformada no s XVI por Gil de Hontañón. Entre as igrexas góticas destacan a concatedral de Santa María, construída no s XV sobre unha antiga igrexa do s XIII, e a igrexa de San Juan, construída entre os ss XIII e XIV. No s XIV edificouse sobre o lugar que ocupara unha mesquita a igrexa de San Mateo. Entre os numerosos edificios civís, construídos entre os ss XIV e XVI, sobresaen a Casa dos Golfines de Arriba, do s XV cunha torre do s XVI; a Casa dos Golfines de Abajo, gótica, ampliada no s XVI; a Casa das Veletas, sede do Museo Provincial; a Casa de los Pereros, do s XVI; a Casa de Ovando, do s XV, e o Palacio de Mayoralgo, do s XVI.