Cadaval

Cadaval
  1. [ONOM]

    Apelido que ten a súa orixe no topónimo Cadaval que remite á abundancia de cádavos. Documéntase no s XV: “Alvaro de Cadabal” (doc ano 1459 en X. Ferro Couselo A vida e a fala dos devanceiros. Escolma de documentos en galego dos séculos XIII ao XVI, II, 1967, p 359). Unha variante gráfica deste é Cadabal, e outro que ten o mesmo significado é Cadaveiro.

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe natural dos arredores de Tui, que emparentou con ilustres familias de Galicia como os Soutomaior, Goyanes, Ozores, etc. As súas armas levan, en campo de ouro, dous piñeiros de sinople sobre unha terraza da mesma cor, dúas cabras de sable empinadas, unha a cada tronco, e entre os piñeiros unha flor de lis de azul; no xefe as ás e a cola dun voitre da súa cor natural. Algúns traen en campo de ouro, dúas árbores de sinople e dous lobos da súa cor, empinados un a cada tronco, e entre as árbores unha flor de lis de azul; no xefe dúas ás de sable. Outra variante ostenta, en campo de ouro, unha árbore de sinople e dous lobos da cor empinados ao tronco, e superando a árbore dúas flores de lis de azul, postas en pao; no xefe dúas ás de sable. Algúns heraldistas aínda reseñan outro escudo que leva, en campo de azul, dúas follas de parra de sinople con cadanseu acio da súa cor.