Cadaval Ayaso, Francisco

Cadaval Ayaso, Francisco

Actor, director e autor teatral. Coñecido artisticamente como Quico Cadaval, foi o impulsor do movemento de contacontos xurdido en Galicia a mediados da década dos noventa. Comezou a súa andaina no teatro da man do Pequeno Obradoiro, para participar posteriormente en montaxes de O Moucho Clerc (Da Vinci levaba razón, de Roland Topor no ano 1987) e do Centro Dramático Galego (Agasallo de sombras, de R. Vidal Bolaño en 1984). Como director puxo en escena: Días sen gloria, de Vidal Bolaño para Teatro do Aquí (1993), Squash, de Ernesto Caballero (1995) ou A voda dos moinantes, de Synge (1996) para a Compañía de María, Como en Irlanda, espectáculo baseado en dous textos de Synge e Antón Villar Ponte para o Centro Dramático Galego (1996) ou Un lunar vermello (con pintiñas azuis), de Pilar Pereira para a Compañía de Pilar Pereira. Tamén é importante o seu papel de adaptador teatral, destacando a versión Memoria de Antígona feita en colaboración con Xavier Lama para o CDG e Si o vello Sinbad volvese ás illas, realizado a partir da novela homónima para a mesma compañía. Tamén é autor de Porque no mundo minguou a verdade (1989), Un códice clandextino (1990), O reisenhol da Bretanha (1991) e O rei nu (1995), en colaboración con Cándido Pazó.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Ribeira