Cadernos da Lingua
Publicación semestral en galego editada pola Real Academia Galega e aparecida na Coruña a principios de 1990. Dirixida por Constantino García e subdirixida por Manuel González, está coordinada por Xosé Luís Regueira. O consello de redacción está formado por Carlos Díaz Abraira, X. García Cancela, Antón López Dobao, Miguel Pérez Pereira e Modesto A. Rodríguez Neira e o seu comité científico está integrado por profesores e investigadores das universidades de Santiago de Compostela, da Autónoma de Barcelona, Helsinqui, Stendhal de Grenoble, Coimbra, Viena, San Petersburgo e o CSIC de Madrid. Reproduce traballos científicos referidos á gramática, fonética, lexicografía, dialectoloxía, sociolingüística, etc, especialmente aqueles centrados na lingua galega. Divídese en dúas seccións, unha primeira onde se inclúen artigos como “Algunhas consideracións sobre o galego como lingua da administración” de X. García Cancela, “Nota sobre o vocabulario inédito galego-castelán de X. M.”, de S. Riveiro Costa e “A entoación do galego do Baixo Miño. Aproximación descritiva”, de M. A. Sobrino Pérez; e unha segunda, titulada “Recensións” onde aparecen actas esquematizadas de congresos e xornadas ou sinopses de libros, revistas, dicionarios e doutras publicacións relacionadas coa lingüística. Amais introduce algúns artigos dedicados a diversos intelectuais galegos como Eduardo Pondal, Álvaro Cunqueiro, Noriega Varela, Lamas Carvajal ou Celso Emilio Ferreiro, entre outros. Á marxe da publicación apareceron dous volumes, o Anexo I, cun Estudio sociolingüístico da comarca ferrolá (1993) e o Anexo II, titulado Tradución de algunas voces, frases y locuciones gallegas, especialmente de agricultura, al castellano (1840-1858), do investigador X. L. Pensado (1995).