Cadernos de Documentación Municipal
Publicación editada pola sección de linguaxe administrativa dependente do Instituto da Lingua Galega (ILG) en Santiago de Compostela en 1986, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, a Consellería da Presidencia e distintos concellos galegos, de acordo co convenio asinado o 20 de decembro de 1984. Dirixido fundamentalmente aos servicios municipais de normalización das distintas administracións locais, saíron cando menos tres números entre os anos 1986 e 1988: o primeiro caderno titulouse “Patrimonio e Bens”, o segundo “Contratación” e o terceiro “Urbanismo”. Neles incluíase documentación e modelos para a elaboración de informes técnicos e xurídicos dos servicios públicos, dos bens patrimoniais, ditames das comisións e dos plenos, certificados, acordos dos plenos e das alcaldías, acordos de iniciación para expropiación forzosa e para ocupación privativa de dominio público, anuncios de licitación de obras e trámites para a solicitude de obras, entre outros. Amais, ao final de cada caderno, introducíase un pequeno glosario galego-castelán coas voces máis importantes aparecidas nos diferentes modelos e referidas á linguaxe administrativa. Ao igual ca outras publicacións como Lingua e Administración e Revista da Administración Galega, estes cadernos pretendían divulgar a linguaxe administrativa, o proceso de normalización do galego e servir como modelo para a correcta elaboración de documentación municipal en lingua galega.