Cadernos de Fotoxornalismo
Publicación de carácter fotográfico aparecida en Vigo no Nadal de 1996. Editada por Delmi Álvarez, principal responsable da publicación, durou cando menos ata finais de 1997. O seu consello editorial estaba formado por X. Marra, Jorge Lens, Xulio Gómez, Mónica F. del Río, Gerrit Horst, Mercedes Moralejo e Vari Caramés, entre outros. Trátase dunha escolma de fotografías en branco e negro, acompañadas dunha serie de artigos en galego referidos aos autores das mesmas nos que se esbozan algunhas das liñas que seguen no seu traballo profesional. Tal e como aparece reflectido no seu editorial, estes cadernos pretendían revitalizar o concepto de fotografía de autor, promocionar o traballo dos fotógrafos dedicados ao xornalismo e ás reportaxes, e procurar un discurso fotográfico coherente destes profesionais. Ao longo de varios números apareceron imaxes de Vari Caramés, Juantxu Rodríguez, José Luis Tejero, Antonio Espejo, Fernando Quintela e Carlos Lago, amais doutros.