Cadernos do Espectáculo
Revista aparecida na cidade da Coruña no ano 1980 acompañando o labor da compañía de teatro Luís Seoane que rexentaba a sala do mesmo nome. Deste xeito, estes cadernos centrábanse fundamentalmente na información sobre as actividades deste colectivo, ofrecendo dende a axenda de programación ata os textos das representacións que facía o grupo. Apareceron, cunha periodicidade irregular, soamente cinco números entre 1980 e 1984. Como director figuraba Francisco Pillado Mayor e no consello de redacción Manuel Lourenzo, Xosé Miguel Pernas, Xosé Manuel Rabón e Moncho Rodríguez. Ao longo dos cinco números editados apareceron os seguintes textos: Dous perdidos nunha noite suxa de Plinio Marcos (1980); As criadas, de Jean Genet (1980); A casa das tres lúas, adaptación de Manuel Lourenzo sobre textos de Ramón Otero Pedrayo (1981); A noite dourada de Mimí da Cora, de Manuel Lourenzo (1982) e A esperar por Godot de Samuel Beckett (1984). A colección apareceu acompañada con debuxos de Urbano Lugrís, Carlos Maside e Manuel Lourenzo.