Cádiz
Cidade e capital da provincia homónima, en Andalucía, situada sobre un istmo que pecha a ampla baía de Cádiz, unindo a terra firme coa antiga Isla de León (145.595 h [1996]). As súas actividades, a industria naval e a pesqueira, están relacionadas co mar. É un dos portos máis importantes da Península, tanto polo número de barcos como polo número de pasaxeiros que o visitan; ademais trátase dun importante centro comercial e administrativo. A economía complétase coa produción de lácteos, derivados do café, do cacao e do azucre. Foi unha antiga factoría fenicia (Gadir), fundada despois do s XVIII a C, que se converteu nun porto de exportación de minerais e de garum. O santuario de Melqart continuou na época romana baixo a advocación de Hércules. Non se atoparon restos da cidade fenicia pero si algunhas tumbas dunha época próxima á romana (un sarcófago antropomorfo) e, no sector de Puertatierra, un sarcófago fenicio de muller dos ss V ou IV a C, que pode ser unha sacerdotisa de Astarte, xemelgo dun home atopado posteriormente en Cádiz. No s III a C foi ocupada polos cartaxineses. Os romanos conquistárona no 206 a C e converteuse, co nome de Gades, no porto principal da Bética. No barrio de Populo descubriuse un teatro romano do s I a C ou do s I, que cos seus 106 m de diamétro é un dos máis grandes atopados en España. Na época musulmá perdeu importancia fronte a outras cidades andaluzas. No 844 foi saqueada polos normandos. No s XI quedou incluída na taifa de Arcos, e foi conquistada por Afonso X en 1262. Co descubrimento de América, as boas condicións do seu porto respecto de Sevilla, enfrontárona con esta cidade que controlaba o comercio con América. En 1529, Cádiz obtivo o dereito de comerciar directamente con América, privilexio que foi revogado en 1573. A pesar de ser víctima de diversos ataques de piratas ingleses (Drake en 1587, saqueo do conde de Essex en 1596), o seu poder económico aumentou no s XVII, durante o que se converteu nun centro activo de contrabando pola posibilidade de eludir a vixilancia exercida por Sevilla, cidade que foi desprazada ata o punto de que en 1717 se converteu na sede da Casa da Contratación. A pesar da guerra contra Inglaterra (bombardeo de Nelson en 1797 e derrota da escuadra franco-española en Trafalgar en 1805), foi un dos centros políticos do liberalismo; durante a ocupación napoleónica foi sede da Junta Central e despois das Cortes, que promulgaron a Constitución de 1812. En 1823 foi o derradeiro foco de resistencia contra os Cen Mil Fillos de San Luís. En 1868 iniciouse en Cádiz a revolución que derrocou a Isabel II e en 1873 foi un dos núcleos do cantonalismo. Xa en 1874, foi proclamado rei Afonso XII. Entre o seu patrimonio arquitectónico destaca a catedral, de estilo neoclásico, que se iniciou en 1720. Salientan tamén as igrexas de Santa Cruz ou catedral vella (1602), a de Santo Domingo (1645) e o Oratorio de San Felipe Neri (1679-1719). Entre os edificios civís destacan o Hospital de Mujeres (1740), de estilo barroco, o Hospicio (1740-1772) e o Colegio de Cirugía, creado en 1748, convertido hoxe en facultade de Medicina.