Cádiz, Cortes de

Cádiz, Cortes de

Nome que recibiron as cortes reunidas inicialmente na Isla de León (Cádiz) e posteriormente en Cádiz e Madrid, dende o 24 de setembro de 1810 ata o 10 de maio de 1814, durante o período da Guerra de Independencia e ata o regreso de Fernando VII. Naceron co carácter de Cortes Xerais e extraordinarias, e realizaron os labores de Cortes constituíntes. Nun primeiro momento establecéronse no teatro da Isla de León (actual San Fernando) ata que en febreiro de 1811 se trasladaron á igrexa de San Felipe Neri, en Cádiz, a causa da proximidade dos franceses. O 14 de outubro de 1813 regresaron á Isla de León e finalmente o 15 de xaneiro de 1815 se instalaron no teatro dos Caños del Peral en Madrid. Naceron coa finalidade de coordinar as accións de loita contra os franceses e para reformar politicamente o país. Os deputados chegados a Cádiz procedían da zona libre de ocupación francesa, aínda que algúns proviñan da zona ocupada. A maioría deles eran eclesiásticos e avogados, aínda que tamén había funcionarios públicos, militares, catedráticos, comerciantes e médicos. Ideoloxicamente se dividían en absolutistas, inimigos do reformismo, e liberais, partidarios dos cambios. As zonas máis representadas foron Galicia, Catalunya e a Comunitat Valenciana, e as menos representadas as Illes Balears e as provincias de ultramar. Nas eleccións de 1810, Galicia contou con 25 deputados representando as provincias da Coruña, Betanzos, Lugo, Ourense, Tui, Mondoñedo e Santiago, a Xunta Superior de Galicia e as cidades que tiveran voto nas Cortes de 1789, ademais de 8 suplentes; posteriormente, en 1813, o número de deputados reduciuse a 16 e os suplentes a 5. Dos vinte e cinco deputados galegos elixidos en 1810, dezasete eran fidalgos, seis sacerdotes, un funcionario da administración e un comerciante; ideoloxicamente, trece manifestáronse partidarios do absolutismo, con Hermida e Ros Medrano á fronte, e doce do liberalismo, entre os que salientaron Alonso López, Valcárcel e García Quintana. Dos dezaseis deputados galegos elixidos en 1813, dez eran cregos, dous deles bispos, e polo menos catorce apoiaron posturas claramente absolutistas. A primeira sesión das Cortes, celebrada o 24 de setembro de 1814, aprobou o principio de soberanía nacional. As Cortes encargáronse de elaborar o primeiro texto constitucional da historia do parlamentarismo español: a Constitución de Cádiz de 1812. Entre os temas que se debateron e que enfrontaron as dúas tendencias políticas destacan: a organización fiscal do estado, a abolición da censura, a abolición dos señoríos xurisdicionais e a secularización dos bens eclesiásticos -feito que supuxo a desaparición do feudalismo-, a repartición das terras de baldío e comunais, a eliminación da regulación dos gremios, da Inquisición e da tortura, a liberdade da industria e o comercio, a división provincial e a unidade do código civil e da instrución pública. Tralo seu regreso, Fernando VII volveu ao absolutismo, as Cortes foron suprimidas e os seus acordos anulados. A derradeira sesión tivo lugar o 15 de xaneiro de 1814.

Palabras veciñas

Cádiz | Cádiz, baía de | Cádiz, Constitución de | Cádiz, Cortes de | Cádiz, golfo de | Cadmea | cadmía