Cádiz, Constitución de
Primeiro texto constitucional da historia política española. Aprobada polas Cortes de Cádiz, foi promulgada o 19 de marzo de 1812, aniversario da subida ao trono de Fernando VII e festividade de san Xosé, polo que foi coñecida como La Pepa. Consta de 384 artigos divididos en 10 títulos. Rompeu co sistema político-social do Antigo Réxime ao declarar que a soberanía residía na nación e ao definir os dereitos individuais. Estableceu como forma do estado a monarquía moderada e limitada pola división de poderes: o poder executivo residía no rei; o lexislativo nas cortes unicamerais formadas por deputados elixidos por sufraxio indirecto e renovados cada dous anos; o xudicial residía nos tribunais de xustiza e a Constitución prohibía a intervención das Cortes e do rei nos asuntos xudiciais. Como órgano consultivo instituíuse o Consello de Estado. A relixión católica foi declarada como a oficial do reino. Ao longo do texto constitucional enumerábanse os dereitos de carácter liberal como a igualdade xurídica e o dereito de propiedade. Ademais, estableceu as bases para a administración provincial e municipal, a facenda, o exército e a instrución pública. O derradeiro título ocupábase da reforma da Constitución. Fernando VII anulouna o 4 de maio de 1814, ao seu regreso, e foi novamente posta en vigor durante o Trienio Constitucional (1820-1823) e tralo motín de La Granja do 13 de agosto de 1836 ata o 24 de outubro dese mesmo ano. A Constitución do 1812 foi estandarte e modelo do liberalismo europeo ata o 1830.