Caen
Capital do departamento de Calvados, na Baixa Normandía, Francia, situada á beira do río Orne (115.624 h [1990]). É un núcleo industrial onde destacan os xacementos de ferro, ademais do porto comercial e pesqueiro. Tamén é un importante centro de ensino superior, a Université de Caen, fundada no 1432. Capital da Baixa Normandía no tempo de Guillerme o Conquistador (s XI), foi tomada e saqueada polos ingleses en 1346 e 1417, permanecendo baixo dominio inglés dende esta última data ata 1450. Creceu durante o s XVI grazas ao comercio con Guinea e América, pero decaeu a partir da revocación do Edito de Nantes (1685), polo que máis de medio millón de hugonotes abandonou Francia, xa que era unha importante cidade protestante. Durante a Revolución Francesa foi un centro xirondino. A pesar dos bombardeos sufridos durante a Segunda Guerra Mundial (1944), a cidade mantén un bo número de mostras da arquitectura normanda. Conserva as igrexas románicas de Saint-Étienne (de l’Abbaye-aux-Hommes) e da Trinité (de l’Abbaye-aux-Dames), as dúas fundadas no s XI por Guillerme o Conquistador e a Raíña Matilde, respectivamente, e o castelo, iniciado polo mesmo Guillerme e continuado nos ss XIV-XV, así como as igrexas góticas de Saint-Pierre (ss XIII-XVI) e Saint-Jean (s XV).