Caetano/Caetana
Caetano/Caetana
[ONOM]
Prenome procedente do xentilicio latino Caietanus ‘habitante de Caieta’ (hoxe Gaeta, Italia), que pasou despois a cognome latino ‘da familia de Caio’. Presenta como variantes: Caetán, Caitán, Quiatán, Quitián, Quitán/Caitana e Queitana. San Caetano de Gaeta foi un destacado teólogo que se enfrontou ás doutrinas luteranas e pertenceu á escola tomista; é titular dunha parroquia e celébrase o 7 de agosto. San Caetano de Thiene, canonizado en 1671, foi o fundador da congregación dos cregos regulares teatinos. A tradición oral recolle ditos que dan mostra da devoción por este santo como “San Caitán, san Caitán, dános pan pra hoxe e pra mañán”.