cafeeira

cafeeira

(< café)

s f [PLANTA]

Árbore do xénero Coffea, da familia das rubiáceas, que pode acadar de 7 a 8 m de altura. Ten unhas follas opostas, lanceoladas, duras e de cor verde escura, flores hermafroditas, brancas e cheirentas, e froitos en baga vermella con dúas sementes, o café. A cafeeira é orixinaria de Abisinia e o seu cultivo estendeuse por toda Arabia e o resto do Islam (Exipto, Siria, Turquía, etc). Chegou a Europa no s XVI debido ao comercio dos venecianos e en 1710 xa estaba introducido na Guyana Holandesa, Colombia e as Antillas. Máis tarde chegou a todo o Caribe e Brasil. O cultivo require temperaturas de 15 a 25°C, precipitacións entre 1.700 e 2.500 mm, solos ricos en humus, areosos e sombra, por ser en orixe propio do sotobosque. Os seus subprodutos destínanse para alimento do gando ou como fertilizante. Orixinadas principalmente a partir de sementes, as plantas novas despuntan a unha altura de 50 cm e empezan a producir de xeito continuo podéndose, a partir dos tres anos, recoller os froitos ao longo de todo o ano. As especies máis cultivadas son C. arabica, C. congensis e C. stenophylla. A variedade C. arabica culta, denominada arábica común, produce o café brasileiro, o mexicano, o Puerto Rico, o Bogotá, o Honduras, o Guatemala, o Nicaragua, o Costa Rica e o Salvador. A variedade C. arabica moka caracterízase por ter un gran pequeno e aromático.

Sinónimos