Cage, John
Compositor, musicólogo e pianista. Foi discípulo de Cowell e de Schonberg, e destacou polas súas investigacións e propostas experimentais. Tivo unha grande influencia no desenvolvemento de novas formas escénicas como o happening ou a performance. Algúns dos seus traballos máis significativos nese eido foron presentados no Black Mountain College, institución do estado de Carolina do Norte que patrocinaba novas formas artísticas e que recolleu parte do espírito vangardista da Bauhaus. Foi alí onde presentou o seu primeiro happening en 1952. Tamén teñen especial relevo as súas colaboracións con Merce Cunnigham, un dos máis importantes creadores na danza contemporánea. As súas achegas teóricas exerceron unha grande influencia no eido musical. Foi o creador do piano preparado, remodelación do piano clásico transformado nun instrumento de percusión debido á inclusión de obxectos entre as súas cordas. Utilizou o azar e a improvisación como método de composición. Da súa produción destacan as obras Imaginary Landscape nº 1 (Campiña imaxinaria nº 1, 1939), Three Dances (Tres danzas, 1945), The Season (A estación, 1949), Sonatas and Interludes (Sonatas e Interludios, 1948), 4’33’’ (1952), Winter Music (1957), Aria (1958), Ballet (1973), Musicircus (Música de circo, 1967) e Song Books (Libros de cancións, 1970), entre outras.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Los Angeles -
Deceso
Lugar : Nova York