Cahors
Cahors
Cidade de Guyenne, capital do departamento francés de Lot (19.735 h [1990]), nas marxes do río Olt. É un centro agrícola (cereais e viña) e gandeiro (ovino). Constitúe un pequeno núcleo industrial no que destaca a produción de tabaco e as industrias alimentarias. Consérvase o seu núcleo medieval, coa catedral de Santo Estevo, iniciada no s XII, na que salienta a súa porta románica, o Palacio do Rei, un palacio inacabado do s XIV, parte das murallas e a ponte fortificada (1308-1380). Gran centro comercial e de finanzas da Idade Media, foi cedida aos ingleses polo Tratado de Brétigny (1360) e pasou de novo a Francia no ano 1428. En 1322 Xoán XXII fundou nesta cidade unha universidade.