cairn*
Túmulo funerario megalítico irlandés de forma preferentemente circular que pode ter distintas dimensións. Os mellores exemplos apareceron no val de Boyne. Tres son os monumentos que destacan pola súa grandiosidade. O máis espectacular é o cairn de Newgrange, un túmulo de 90 m de diámetro e case 13 m de altura construído cara ao 2500 a C. Está rodeado por un círculo de menhires e cuberto por grandes lousas colocadas horizontalmente. O segundo cairn en importancia é o túmulo de Dowth, que consta de tres dolmens orientados cara ao oeste. O principal dolmen de galería é de planta cruciforme con dúas cámaras laterais. O teito está formado por grandes lousas. A súa datación é similar á do anterior. Por último, o cairn de Knowth está formado por varios dolmens de corredor con grandes lousas decoradas. Precisamente é a decoración destes monumentos o que máis chama a atención, xa que presentan deseños con forma espiral, moi semellantes aos dos petroglifos galegos, formando rombos, triángulos, zigzags, etc.