Calanda

Calanda

Municipio da provincia de Teruel, Aragón, na marxe esquerda do río Guadalope, afluente do Ebro (3.596 h [1996]). Atópase nunha chaira ao NL do Sistema Ibérico. Posúe unha economía agrícola baseada na produción de cereal, oliveira, viña, froitas e hortalizas, e na gandería lanar e porcina. No sector industrial destacan os tecidos e as industrias alimentarias. É de destacar a igrexa parroquial, de finais do s XVII. Unha das características da súa cultura é o uso dos tambores na Semana Santa. Segundo a tradición, que se remonta ao s XVIII, cando o reloxo da igrexa do Pilar marca as doce da mañá do Venres Santo, comezan os redobres dos tambores que se converten nunha forma de linguaxe. Cando dous grupos de tambores diferentes se atopan, prodúcense duelos de redobres.