Calcídica
Calcídica
Península de Macedonia, Grecia, no Mar Exeo, entre o golfo de Tesalónica e o golfo Estrimónico. Repartida administrativamente entre os nomoi de Tesalónica e de Calcídica. É unha rexión montañosa, proxectada cara ao S por tres penínsulas menos alongadas, antigas illas actualmente unidas ao continente: Casandria, Sinthonia e Athos. Rexión eminentemente agrícola, como centros urbanos destacan Tesalónica, Stavrós e Polýgyros. No s VIII a C foi colonizada por Calcis de Eubea, de quen recibe o nome. As colonias foron Potidea e Olintis, que constituíron parte da Confederación Ateniense e no s IV a C formaron unha liga autónoma. Filipe II de Macedonia conquistou toda a rexión.