Calcolítico

Calcolítico

Período de transición entre o Neolítico e o Bronce, segundo o sistema de periodización da Prehistoria, definido inicialmente pola convivencia do uso do cobre, en pezas de forma e tipoloxía semellantes ás líticas, e a pedra. O emprego do cobre, que require a presenza de grupos de individuos especializados na extracción e transformación do mineral, implica a existencia dunha sociedade na que a división do traballo era un feito; esta diferenciación maniféstase, sobre todo, nos enterramentos. Ademais, pódese deducir que xa se producían excedentes alimentarios suficientes para manter a eses grupos especializados e para dar soporte ás primeiras redes comerciais a longa distancia. Caracterízase, tamén, pola aparición de novas tecnoloxías de aproveitamento económico: produtos lácteos e animais de tiro, que permitiron un incremento demográfico e a ocupación extensiva de novos territorios. Así mesmo, iniciouse a construción de estruturas con materiais perecedoiros e a ocupación continuada dunha mesma área, malia perdurar un modo de vida itinerante. En xeral, comezou un proceso de individualización, no que a ostentación do poder do home xogaba un papel importante na estrutura dos grupos sociais. Os límites cronolóxicos do Calcolítico sitúanse no VII milenio a C no Próximo Oriente e entre os inicios do III milenio a C e os do II milenio en Europa. A división interna do Calcolítico, elaborada a partir dos materiais cerámicos e metálicos distingue entre Calcolítico Inicial e Calcolítico Final.
O Calcolítico en Galicia
O Calcolítico detéctase no NO peninsular a finais do IV milenio a C, iniciándose un proceso de transición ou Calcolítico Inicial ao redor do 2700-2500 a C, caracterizado ceramoloxicamente polas manifestacións cerámicas impresas con elementos arcaizantes. A este momento corresponderían algunhas ocupacións en cova da Galicia oriental, como o xacemento de Pala da Vella. Máis problemática é a fase final do Calcolítico e a transición ao denominado Bronce Antigo do NO no paso do III ao II mileno a C, relacionada directamente con dous fenómenos paneuropeos: o fenómeno tumular e o campaniforme. O Calcolítico Final e a transición ao Bronce explícase, partindo do estudo dos materiais cerámicos procedentes do Morrazo, como un proceso evolutivo dentro das propias producións campaniformes; sen embargo, non é doado demostrar fases sucesivas na produción metalúrxica, como se deduce dos estudios arqueometalúrxicos realizados pola arqueóloga Comendador Rey. No Calcolítico constátase un feito novidoso na Europa atlántica, de especial importancia para o desenvolvemento da Prehistoria recente en Galicia: xorden as primeiras analoxías formais comúns, principalmente nos aspectos formais da ourivería e en determinados tipos de armas, así como nos contextos funerarios ou nos gravados ao aire libre, situándose o grupo galaico de arte rupestre na transición entre o III e o II milenio a C.