Caldas
Comarca do O da Comunidade Autónoma de Galicia, integrada polos municipios de Caldas de Reis, Catoira, Cuntis, Moraña, Pontecesures, Portas e Valga. Limita ao N coa comarca do Sar, concellos de Dodro e Padrón, e de Tabeirós-Terra de Montes, no concello da Estrada, coa que tamén limita polo L; polo S coa comarca de Pontevedra, concellos de Campo Lameiro e Barro; e polo O coa do Salnés, concellos de Meis, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa. Nela obsérvase unha gradación dende as áreas litorais do Baixo Ulla e a ría de Arousa cara ás terras de transición entre as Rías Baixas a as áreas montañosas da Dorsal Galega. Trátase dunha comarca tradicional vinculada estreitamente á vila de Caldas de Reis que, cunha situación privilexiada no Eixo Atlántico e na transición entre o litoral do Salnés e o seu pospaís, exerce de núcleo reitor e cabeceira. A comarca abrangue unha superficie de 288,68 km2, nos que reside unha poboación de 35.514 h (1998). Descendendo á escala municipal, Caldas de Reis posúe unha poboación de 9.369 h en 68,2 km2, Catoira 3.541 h en 29,4 km2, Cuntis 5.733 h en 79,8 km2, Moraña 4.402 h en 41,3 km2, Pontecesures 2.963 h en 6,7 km2, Portas 3.218 h en 22,6 km2e, por último, Valga, de 40,6 km2de extensión, conta con 6.288 h. En canto ao número de parroquias, este oscila entre as nove de Moraña, as oito de Caldas de Reis e Cuntis, e a única parroquia de Pontecesures (parroquia segregada no 1925 do veciño concello de Valga), as cinco parroquias do propio Valga e as catro de Moraña e Portas. A comarca de Caldas, a pesar do seu tamaño, posúe contrastes internos que se derivan da oposición entre os municipios do litoral e a Depresión Meridiana, moi dinámicos dende o punto de vista demográfico e económico, onde se atopan os máis importantes núcleos de poboación e, por outra banda, os concellos do interior, caracterizados se ben non por unha situación regresiva, si por un estancamento que destaca sobre todo cando a comparamos coa do resto da comarca á que pertencen.
Xeografía física
A comarca de Caldas está situada na Galicia litoral, de xeito que participa plenamente das características xeomorfolóxicas, climáticas e bioxeográficas desta área. Dende o punto de vista xeomorfolóxico pódense diferenciar tres unidades ben definidas: a área litoral (Baixo Ulla e ría de Arousa), na que se encadran os concellos de Pontecesures e Catoira, a Depresión Meridiana, á que pertencen os concellos de Valga, Caldas de Reis e Portas e, en último lugar, o corredor Cuntis-Moraña, formado polos concellos que lle dan nome. A primeira delas, a área litoral é, dende o punto de vista topográfico, unha chaira litoral que alcanza pouca profundidade cara ao interior. Nesta área costeira que forman os concellos de Pontecesures e Catoira, o relevo vaise erguendo progresivamente dende a liña de costa cara ao L (monte Salgueira de 372 m) e alcanza o seu punto culminante no monte Xiabre (641 m), un excelente mirador cara a Vilagarcía e a ría de Arousa. O Xiabre e a dorsal que forma tanto cara ao S como cara ao N, constitúen un horst granítico levantado a consecuencia dos esforzos tectónicos que actuaron en Galicia ao longo da oroxenia alpina; a devandita dorsal separa estas terras litorais da segunda unidade física que se distingue na comarca, a Depresión Meridiana, aínda que ao N existe continuidade topográfica entre ambas as dúas a través do val do Ulla. A Depresión Meridiana é unha fosa tectónica, orixinada tamén na oroxenia alpina, que percorre o occidente galego dende Carballo ata Tui, prolongándose ata o Douro no Porto, cunha anchura que oscila entre os 2 e os 3 km. O centro da comarca de Caldas queda plenamente inserido na depresión, espazo que ademais aproveitan as principais vías de comunicación do eixe atlántico galego, que comunican o N e o S do país (autoestrada A-9, estrada nacional N-550, ferrocarril de Santiago de Compostela a Vigo). O río Umia, que nace na comarca da Terra de Montes e desemboca, despois de 70 km de percorrido na ría de Arousa, atravesa a Depresión Meridiana en sentido L-O. Deste xeito, ademais da depresión topográfica N-S que supón a Depresión Meridiana, o val do Umia conforma outro espazo topograficamente deprimido, esta volta en sentido transversal ao eixe dominante N-S. A vila de Caldas de Reis sitúase na confluencia destas dúas depresións (unha ampla chaira formada sobre materiais graníticos) que presentan direccións perpendiculares, nun lugar estratéxico de comunicacións tanto entre o N e o S como entre o litoral e o interior da comarca. Esta área de topografía plana, e de moi pouca altitude sobre o nivel do mar, está presidida ao NL polo monte Xesteiras (352 m) e, xa cara ao L, por un chanzo topográfico (que atravesa o Umia fortemente encaixado a través de rápidos e fervenzas) que a separa da última unidade diferenciada, o corredor Cuntis-Moraña. Este corredor é tamén unha depresión tectónica que segue a dirección meridiana. Situada a un nivel de 150-200 m de altitude sobre o nivel do mar, está percorrida por unha serie de afluentes do Umia, entre os que destaca o río Galo, que pasa pola vila de Cuntis. Cara ao L, o relevo érguese progresivamente (O Acibal de 594 m e Xesta de 529 m), formando a transición entre as terras litorais e prelitorais cara ao interior montañoso da Terra de Montes. Toda a comarca, de litoloxía cristalina, está atravesada por intensas fracturas que seguen os patróns predominantes en Galicia. Isto fai que afloren numerosos mananciais de augas subterráneas quentes, entre os que destacan os de Caldas de Reis e Cuntis, tradicionais estacións balnearias. A comarca de Caldas inscríbese en dúas concas hidrográficas: a do Ulla, polo N, e a do Umia, polo S. A excepción do concello de Catoira, que conta con numerosos e pequenos regos que nacen na dorsal do monte Xiabre, o resto do territorio comarcal pertence a estes dous sistemas fluviais. Ademais das canles principais do Ulla e do Umia, cruzan o territorio numerosos e caudalosos regos, como consecuencia da impermeabilidade do substrato litolóxico, das fracturas do rochedo e das abundantes precipitacións que se recollen na comarca ao longo de todo o ano. É precisamente a existencia dun clima moi húmido (oceánico hiperhúmido), o que explica a abundancia de auga na comarca de Caldas, xa que se recollen ao redor de 1.800 mm anuais, segundo os datos das distintas estacións meteorolóxicas, en boa parte debido a situacións atmosféricas nas que predominan ventos do SO que chegan a estas terras prelitorais cargados de humidade para precipitar. A distribución estacional das precipitacións amosa, non obstante, unha acusada seca estival, como consecuencia dun desprazamento cara ao N da fronte polar; mentres que no inverno se recolle o 38,1% do total das precipitacións anuais e no outono o 37,8%, no verán tan só o 8,3%, o que se traduce nun déficit hídrico que sofren os cultivos sobre todo nos meses de xullo e agosto. Os cultivos teñen en todas as Rías Baixas e, na comarca de Caldas en particular, unhas condicións climáticas óptimas, xa que ademais de moi húmido, o clima caracterízase pola suavidade térmica ao longo de todo o ano e por veráns especialmente calorosos dentro do contexto xeral galego. En efecto, a media anual é superior aos 14°C, unha das máis altas de Galicia. Mentres que a temperatura media de xaneiro non baixa nunca dos 9°C, a media de xullo, o mes máis cálido, é de 20,1°C. Isto supón, polo tanto, unha oscilación térmica de tan só 11,1°C ao longo de todo o ano. A vexetación, moi antropizada, está constituída por abundantes masas de especies de crecemento rápido, sobre todo piñeiros e eucaliptos. Tan só en lugares de topografía difícil subsisten pequenos bosques de frondosas (a especie clímax é o carballo, Quercus robur). Polo demais, nos contornos dos ríos hai abundantes exemplos de vexetación ripícola, mentres que na ría de Arousa e na desembocadura do Ulla se desenvolve unha vexetación característica formada por xunqueiras e canaveiras. Tamén o monte baixo ten importancia, constituído por matogueiras e arbustos entre os que destacan o toxo e a carqueixa.
Xeografía humana
A poboación da comarca de Caldas de Reis é de 35.514 h (1998). A principios do s XX a poboación era de 28.930 h (censo de 1900), o que está a reflectir que, aínda que a comarca experimentou unha dinámica demográfica positiva, trátase dun crecemento feble dentro do conxunto galego nun século no que se experimentaron crecementos espectaculares nas principais áreas urbanas de Galicia. Efectivamente, a comarca de Caldas participa do dinamismo demográfico e económico das comarcas litorais e prelitorais galegas. Non obstante, a pesar da súa boa situación xeográfica, nin Caldas nin o resto dos concellos que integran a comarca teñen a vitalidade e o dinamismo dos concellos do litoral, que contan cunha complementariedade de recursos derivada das actividades pesqueiras e náuticas en xeral. Por outra banda, dentro da comarca hai grandes contrastes que fan que non se poida analizar a evolución demográfica de forma conxunta. Así, existe un claro contraste entre, por unha banda, os concellos da área litoral (Catoira e Pontecesures) e a Depresión Meridiana (Valga, Caldas de Reis e Portas), que rexistraron un crecemento, aínda que cativo, constante ao longo de todo o século e, por outra banda, os concellos do L da comarca, Cuntis e Moraña, caracterizados por unha dinámica demográfica negativa se se examina a serie censual completa dende o ano 1887. Así, o concello máis dinámico é sen dúbida a cabeceira comarcal, Caldas de Reis, que en 1998 contaba cunha poboación de 9.369 h, que fronte aos 7.505 h de 1900 representa un incremento de case que a cuarta parte da súa poboación ao longo do s XX (un 24,01%). A súa evolución foi moi parella á evolución xeral galega, xa que coñeceu unha primeira fase de estabilidade no primeiro terzo do século, seguida dun aumento constante ata o 1950, motivado pola conxuntura desfavorable á emigración que provocaron sucesivamente a crise internacional de 1929, a Guerra Civil española e a súa posguerra, e a Segunda Guerra Mundial. No censo de 1950, a poboación de Caldas de Reis chegou a ser de 9.376 h, lixeiramente superior ao último reconto. Non obstante , a partir dese momento comezaron a deixarse sentir os efectos da reactivación dos fluxos emigratorios. Nos dous censos seguintes, a taxa de crecemento anual da poboación foi de -0,4% e -0,5%, respectivamente. A recuperación comezou a partir da década dos oitenta, co retorno de moitos emigrantes, especialmente no período intercensual 1981-1991, cando a poboación de Caldas de Reis acadou o máximo de toda a serie censual, con 9.402 habitantes e un crecemento anual do 0,7%. En troques, os datos de 1998 reflicten xa un leve descenso desta cifra, feito que está en relación cunha estrutura da poboación avellentada e coa paralización dos fluxos migratorios de retorno. O resto dos concellos da área litoral e da Depresión Meridiana seguen unha dinámica demográfica semellante, se ben con algunhas matizacións. Pontecesures é o que ten un crecemento máis constante, a poboación foi aumentando ao longo do século sempre en relación co censo anterior, con porcentaxes de crecemento intercensual elevadas (1,4% entre 1930 e 1940, 1,2% entre 1960 e 1970, e 1,1% entre 1981 e 1991). Non obstante , en 1996 (2.963 habitantes) xa se recolle unha pequena diminución que inverte a tendencia ao crecemento constante deste século. Esta tendencia é perceptible tamén en Portas, aínda que aquí xa se dá a partir de 1981. Ademais do concello de Caldas, os dous concellos máis dinámicos son Valga e Catoira. Ambos os dous acadaron no 1998 o máximo poboacional da serie estatística. A riqueza e a complementariedade de recursos derivada da súa localización litoral, así como a continuidade espacial con Vilagarcía de Arousa, no caso de Catoira, e a magnífica situación de Valga dentro do Eixo Atlántico, reforzada pola súa proximidade a núcleos dinámicos, como Padrón, Pontecesures, Vilagarcía de Arousa ou a propia Caldas de Reis, explican estas tendencias actuais ao crecemento. Pola contra, os concellos do interior da comarca, Cuntis e Moraña, ofrecen unha situación algo distinta, xa que son áreas carentes do dinamismo económico e demográfico propio dos concellos do litoral. No caso de Moraña, a poboación permanece practicamente estable dende comezos de século (4.975 h en 1900 e 4.402 en 1998, cifra esta última que representa o mínimo poboacional). No caso de Cuntis, produciuse un crecemento feble pero continuo ata o 1950, ano en que a poboación acadou o máximo poboacional de todo o século, con 7.790. A partir deste momento, o éxodo rural primeiro e unha estrutura por idades avellentada despois, a partir da década dos oitenta, fan que a evolución sexa sempre negativa e cada censo rexistre unha perda de efectivos demográficos respecto do anterior, con taxas de crecemento anuais que chegan ata o -1,5%, no caso do período intercensual 1981-1991. En todo caso, é evidente o dualismo entre os dous concellos do interior, de características regresivas, que xa anuncian as tendencias máis acentuadas que se observan na Terra de Montes, e o resto da comarca, que rexistra unha evolución demográfica moderada pero positiva. Debido ao feble peso demográfico dos municipios do interior, a estrutura por idades preséntase cun gran peso da poboación máis nova, que supón o 29,6% do total dos efectivos demográficos comarcais. Trátase dunha área formada polo conxunto do litoral das Rías Baixas, que é a máis dinámica e nova de toda Galicia, tal e como se pon de manifesto nas cifras analizadas. Mentres que a porcentaxe de poboación adulta é do 55,6%, a poboación máis vella supón o 14,8% do total. A tónica xeral comarcal presenta lixeiras variacións se se examinan individualmente cada un dos concellos. Así, o que presenta unha estrutura da poboación máis nova é Pontecesures, con case a terceira parte da súa poboación menor de 20 anos; pola contra, os máis envellecidos son Moraña e Cuntis, especialmente este último, cunha quinta parte da súa poboación vella. A relación de feminidade-masculinidade é en todos os casos favorable a estas, se ben son os concellos de Cuntis e Moraña os que presentan un maior desequilibrio favorable ás mulleres, como consecuencia do maior avellentamento da poboación e da maior esperanza de vida que posúe a poboación feminina.
Xeografía económica
Froito da diversidade interna que posúe a comarca, a importancia que ten cada un dos sectores de actividade económica é diferente segundo os concellos. Así, aínda que a presenza da actividade industrial é notable en toda a comarca, destacan sobre todo os concellos de Valga, onde o sector industrial dá emprego ao 59% da poboación; Catoira, cun 56,4% de total de activos industriais; Caldas de Reis, cun 52,9% de poboación empregada no sector industrial e, por último, Moraña, cun 51,5% da poboación traballando na industria. No caso destes catro concellos, a poboación empregada no sector secundario é máis da metade do total da poboación ocupada. Unha das actividades industriais que máis importancia ten é a de transformación da madeira, vinculada á existencia de grandes plantacións de eucaliptos. Isto materialízase na presenza de numerosos serradoiros ao longo de todo o territorio comarcal; polo xeral son pequenas industrias familiares, aínda que é nos concellos de Catoira e Valga onde coñecen unha maior importancia. Tamén existen na comarca empresas de transformación de minerais non metálicos, derivado da importancia que ten a construción. En Caldas de Reis hai que salientar a existencia dunha serie de industrias agroalimentarias, entre elas as conserveiras e as fábricas de produtos lácteos. No resto dos concellos, a actividade industrial ocupa a menos da metade da poboación, pero aínda así supón porcentaxes altas con respecto á media galega, pois en ningún caso son inferiores ao 40% dos activos agrarios. O concello de Pontecesures, cun 40,5% do total de poboación ocupada na actividade industrial, destaca pola presenza da empresa láctea Nestlé e polas industrias de transformación da madeira. En Portas ten unha certa importancia a industria do moble, ademais da existencia de varias industrias mecánicas. Por último, Cuntis conta cun 48,5% do total da súa poboación dedicada ás actividades industriais e cun diversificado tecido industrial, entre o que destacan industrias lácteas, cerámicas, téxtiles e madeireiras. Polo que se refire ao sector primario, este está a perder cada vez máis importancia na comarca non só polo elevado grao de industrialización que presenta, senón tamén pola evolución da economía cara a un modelo no que progresivamente a relevancia dos servicios é cada vez maior. A importancia das actividades agropecuarias é desigual na comarca; así, o total dos ocupados oscila entre o 32,9% de Portas e o 3,2% de Catoira. Polo que se refire á agricultura, do total da superficie cultivada, o produto cuantitativamente máis importante é o millo, que acada grandes extensións en concellos como Caldas (62,3% do total da superficie cultivada) ou Portas (53,1%). Ligado ás boas condicións climáticas, especialmente á suavidade térmica que se rexistra todo o ano e á abundante insolación, destaca tamén o cultivo da viña, especialmente importante en Moraña, onde o viñedo supón case a quinta parte (24,6%) do total da superficie cultivada. No resto dos concellos a importancia do viñedo é menor pero segue a ser significativa. A presenza dos cereais de inverno é meramente residual e cobra certa importancia o cultivo da pataca e das hortalizas, grazas á presenza de hortas practicamente en todas as casas da comarca. A súa produción dedícase case exclusivamente ao consumo familiar. A gandería ten pouca importancia na comarca e practícase máis nos concellos de Cuntis e Moraña ca no resto. Trátase sobre todo de gando vacún, seguido en importancia polo porcino e a cría de aves de curral. As actividades pesqueiras só se practican en Catoira e teñen un carácter residual. O sector terciario, como xa se dixo, está en alza e absorbe gran parte da poboación que antes estaba encadrada dentro do sector primario e mesmo dentro do secundario. Nas vilas de Caldas de Reis e Pontecesures, con nidias características urbanas, o predominio dos servicios dentro da economía ponse de manifesto na actividade comercial e na hostalería, ademais doutro tipo de actividades como os talleres de reparación ou o transporte. Mención especial merece a actividade turística nas vilas de Caldas de Reis e Cuntis; se ben cuantitativamente non é especialmente relevante, si o é cualitativamente, xa que a tradición balnearia destas vilas vén de moito tempo atrás. Hoxe en día, a actividade balnearia redúcese a un turismo da terceira idade pouco significativo en volume e que acusa unha forte estacionalidade estival. No resto dos concellos, a actividade terciaria é cada vez máis importante, gañando terreo sobre todo ás actividades agropecuarias. O aumento da mobilidade da poboación, por outra banda, posibilita o desprazamento diario de ida e volta da poboación da comarca aos grandes centros urbanos do Eixo Atlántico, como Santiago de Compostela, Pontevedra ou mesmo Vigo, o que contribúe a ampliar o abano da oferta de traballo para a poboación da comarca, indubidablemente nos sectores secundario e, sobre todo, terciario. O sistema de infraestruturas da comarca establécese fundamentalmente ao redor do Eixo Atlántico e as máis importantes vías de comunicación seguen o trazado N-S da Depresión Meridiana Carballo-Tui-Porto. En efecto, o sector central da comarca, en concreto os municipios de Pontecesures, Valga, Caldas de Reis e Portas, está atravesado tanto pola estrada nacional N-550 A Coruña-Tui, como pola autoestrada do Atlántico A-9. Pola súa banda, a vía férrea A Coruña-Vigo, que segue o trazado da costa dende Pontecesures ata Vilagarcía de Arousa, introdúcese de novo na Depresión Meridiana no concello de Portas. A comarca conta coas estacións de Pontecesures, Catoira e Portas. O resto da rede viaria está constituída pola estrada N-640, Vegadeo-Pontevedra, que discorre polo concello de Cuntis, pola vía rápida Caldas de Reis-Sanxenxo e pola estrada comarcal C-550 de Pontecesures a Vilagarcía, ademais dun conxunto de estradas locais que completan a rede viaria e comunican entre si o resto dos núcleos de poboación.
Historia
A antigüidade do poboamento da comarca de Caldas amósase nos restos atopados no seu territorio, como o tesouro de Caldas da Idade do Bronce ou a roda fosilizada do II milenio a C atopada en Catoira. Ademais, a comarca conta cun bo número de petroglifos declarados como Ben de Interese Cultural. A importancia termal das vilas de Caldas de Reis e Cuntis non pasou desapercibida para os romanos. A comarca de Caldas foi testemuña das invasións normandas e árabes que se produciron ao longo da Idade Media. O bispo Xelmírez, orixinario da comarca, ergueu fortificacións e as famosas Torres do Oeste, no termo municipal de Catoira, para protexer a Santiago de Compostela das devanditas incursións e que, en 1719, volveron desempeñar un importante papel defensivo ao conter o avance inglés e protexer o porto de Padrón. O Camiño Portugués de peregrinación a Santiago de Compostela atravesa a comarca. O territorio comarcal, debido á súa localización xeográfica, caracterizouse ao longo da historia pola súa inestabilidade en canto á pertenza ás diferentes provincias e partidos xudiciais. Os concellos que a integran pertenceron a tres provincias diferentes: Santiago, Pontevedra e Vigo. Tamén polo que se refire aos partidos xudiciais a variabilidade é a nota dominante ao longo do tempo. A totalidade dos concellos pertencían en 1822 ao partido xudicial de Caldas de Reis, creado en 1820. Non obstante, en 1965 suprimiuse este partido e non se repuxo ata 1988; a partir desta data, Caldas recuperou a súa posición rectora na comarca en canto á administración de xustiza. Os concellos que forman a comarca integráronse nos partidos xudiciais de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa. A nivel interno, producíronse importantes variacións nos propios concellos; cambios meramente formais como o caso do concello de Cuntis que se denominou ata mediados do século pasado Baños de Cuntis ou o concello de Portas que se chamaba en 1822 Trasumia, ou cambios máis fondos, como a dependencia de Pontecesures de Valga, do que se segregou en 1925. En todo caso, os concellos actuais formáronse por anexión de varios dos pequenos concellos constitucionais existentes antes da reforma territorial realizada en 1835.
Patrimonio cultural
O patrimonio histórico da comarca é especialmente rico en restos e monumentos prehistóricos, entre os que destacan castros, mámoas e petroglifos. Así, no concello de Cuntis, ao longo de todo o val do río Galo abundan os castros e os petroglifos. No concello de Moraña destaca o conxunto megalítico denominado Lapa de Gargantáns, así como o castro de Portela. No concello de Portas destaca o machado do Bronce, atopado na parroquia de Lantaño, e o castro de Rial. Por último, o concello de Valga presenta un patrimonio prehistórico especialmente valioso e abundante, coa presenza do petroglifo de Camporredondo, o castro da Roda do Castro, na parroquia de Setecoros, e o castro de Cordeiro. En canto ao patrimonio relixioso, en Cuntis hai que destacar a igrexa de Santa María, reconstruída con materiais da orixinaria igrexa románica e declarada Ben de Interese Cultural; en Moraña, as igrexas de San Martiño de Gargantáns e San Pedro de Rebón, Ben de Interese Cultural; e o románico de finais do s XII de Santa Mariña de Portas e San Pedro de Lantaño. Tamén da Idade Media son as xa comentadas Torres do Oeste, situadas en Catoira e declaradas Ben de Interese Cultural en 1931. O patrimonio etnográfico está representado por unha profusión de cruceiros, hórreos e petos de ánimas espallados por toda a comarca. Polo que se refire á arquitectura civil, en Caldas de Reis resalta o balnerario Acuña e a Casa do Concello, así como a ponte sobre o río Umia, da época medieval, sobre piares da época romana. En Cuntis está situado o pazo dos condes de Ximonde. No concello de Moraña hai que destacar os pazos de Toxeiriña e San Roque, así como os restos dos torreóns de Amil. No municipio de Pontecesures sobresae o Pazo da Cova, do s XVIII. Hai multitude de pazos no concello de Portas, como os de Outeiro de Losada, o de Torre Penelas ou o de San Bieito. En Catoira destaca a ponte medieval da parroquia homónima. En relación co patrimonio natural resaltan o espazo natural da foz do Ulla e o parque-xardín da Carballeira de Caldas de Reis. Entre as festas relixiosas da comarca destacan as de san Roque en Caldas de Reis, os Milagres de Amil en Moraña, san Xián en Pontecesures, san Bieito en Portas e san Brais en Valga. En Catoira celébrase anualmente a romaría viquinga, declarada de interese turístico e entre as festas gastronómicas sobresaen a do carneiro ao espeto en Moraña, a festa do viño roxo en Romai (Portas) e a festa da anguía e da caña do país en Valga.