Caldas de Reis

Caldas de Reis


Concello da comarca de Caldas, situado na provincia de Pontevedra no O da comunidade autónoma, a 42° 36’ de latitude N e 8° 38’ 30’’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Valga, ao L cos de Moraña e Cuntis, ao S cos de Portas (todos eles da comarca de Caldas) e Vilanova de Arousa (O Salnés) e ao O cos de Catoira e Vilagarcía de Arousa, (O Salnés). Abrangue unha superficie de 68,2 km 2 cunha poboación de 9.796 h (2007), distribuídos nas parroquias de Arcos da Condesa, Bemil, Caldas de Reis (San Tomé e Santa María, e Santa María) Carracedo, Godos, Saiar, San Clemente de Cesar e Santo André de Cesar . capital é a vila de Caldas de Reis, na parroquia de San Tomé e Santa María de Caldas de Reis. Dista 38 km de Santiago de Compostela e 21 km de Pontevedra. Cabeza da comarca e de partido xudicial, está adscrito á arquidiocese de Santiago. A parroquia de Arcos da Condesa constitúe unha entidade local menor.
Xeografía física
O territorio municipal de Caldas de Reis está influído polo dominio climático oceánico húmido con tendencia á aridez estival. Localízase moi preto da ría de Arousa, na Depresión Meridiana, penetrando a influencia do océano polo val do Umia e dando lugar a unhas condicións climáticas caracterizadas por temperaturas suaves, algo máis extremas respecto ás do litoral por estar máis cara ao interior, e precipitacións abundantes, pero inferiores ás doutros lugares situados a maior altitude. A temperatura media anual é de 14,7°C. A media de xaneiro é de 9,1°C e a de xullo é de 21°C. A amplitude térmica extrema chega aos 22,8°C. O número de días libres de risco de xeadas é de 242. A precipitación media anual é de 1.596 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival: o 34,8% das precipitacións recóllese nos meses do inverno e o 35% en outono, fronte ao 11,7% do verán, quedando a primavera cun 18,5%. A disposición do concello ao longo da Depresión Meridiana simplifica a estrutura do seu relevo, resolto pola superposición de tres bandas en dirección predominantemente N-S, só interrompidas polo curso do río Umia que mantén unha dirección L-O. A primeira destas bandas correspóndese coas terras elevadas do macizo do monte Xiabre, cunha dirección NL-SO que delimita o concello polo O; a súa altura media oscila entre os 300 m e 600 m descendendo progresivamente cara ao SO. As elevacións máis destacadas son a do Xiabre (641 m), na parroquia de Bemil, e Xaiba (280 m), na de Saiar. A segunda coincide coas terras baixas da Depresión Meridiana estendidas polo centro do municipio, ocupadas polo val do Umia e, fundamentalmente, polos seus afluentes, o Bermaña cara ao N e o Chaín, cara ao S. A terceira é unha serie de elevacións máis modestas e fragmentarias que delimitan o concello polo L cunha altitude media ao redor dos 200-300 m diminuíndo no seu segmento centro-meridional, atravesado polo val do Umia; destaca o monte Armada (334 m), no límite entre as parroquias de Santo André e San Clemente de Cesar, ou o Axeiros (228 m), en Arcos da Condesa. O río Umia artella a rede fluvial que drena todo o municipio, agás un reducido territorio no N drenado pola cabeceira do río Louro, tributario do Ulla, atravesando o concello de L a O. Penetra nas parroquias de Santo André de Cesar e Arcos da Condesa, atravesa a capital do concello e, río abaixo, fai de límite co municipio de Portas, abandonando Caldas pola parroquia de Godos. Ten como principais afluentes pola esquerda o río Chaín (que á súa vez recibe os regos de Pedra, Regueira e Valorento) e pola dereita, o Bermaña, que drena a zona setentrional do municipio, recibindo á súa vez os regos Brichón, Pouso e Carbón; outros tributarios do Umia son os regos Follente, Cardín e Cerquido procedentes do macizo do Xiabre.
Xeografía humana
A poboación do concello de Caldas de Reis medrou en termos absolutos durante os últimos dous séculos, mais esta evolución globalmente positiva non corresponde a un crecemento continuo, senón a unha alternancia entre fases de distinto signo. Así, dende 1887 ata 1950, momento censual no que acadou a súa máxima poboación no período analizado, os seus efectivos demográficos medraron continuamente a un ritmo aproximado do 0,66% anual. Durante este período inicial só houbo unha etapa de estancamento, a segunda década do s XX, na que diminuíu a súa poboación a un ritmo medio do 0,01% anual, en gran medida debido á sobremortalidade orixinada polo andazo de gripe de 1918, que seguramente distorsionou as cifras de crecemento dos anos anteriores; esta década separa dúas subfases de crecemento, unha de 1887 a 1910, medrando un 0,79% anual, e outra de 1920 a 1950, crecendo un 0,66% interanual. Durante estes anos, a pesar da forte emigración a América, a poboación do concello creceu grazas a unha forte vitalidade vexetativa, suficientemente intensa como para compensar a emigración. A partir de 1950 a poboación deixou de medrar e iniciouse un período de recesión ata 1970. Neses anos o seu crecemento anual foi de -0,49%; a emigración cara a América nos anos cincuenta e cara a Europa, Catalunya ou Euskadi, e, sobre todo, ás cidades de Vigo, Pontevedra e Santiago de Compostela, foi tan intensa que non puido compensar un crecemento vexetativo que ademais se resentía pola ausencia dos grupos de idade máis nova. A partir de 1970 a evolución retomou a senda do crecemento, que medrou nun 0,4% e se aproximou á poboación de 1950. A desaparición progresiva da emigración, o incremento dos retornados e o mantemento dun crecemento vexetativo positivo contribuíron a recuperar taxas de crecemento similares ás da primeira metade do s XX, favorecido pola situación estratéxica da vila, a medio camiño entre Santiago de Compostela e Pontevedra. Os inicios do s XXI mostran un aumento do 3,36% entre 2001 e 2007. O resultado desta evolución é unha poboación nova, onde os menores de 20 anos representan o 18,5%, fronte aos maiores de 65anos que son o 18,6%; o grupo intermedio representa o 62,9%. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-2,1‰) froito dunha baixa natalidade (7,8‰) e unha alta natalidade (9,9‰). A distribución por sexos amosa un certo desequilibrio a prol das mulleres, que constitúen o 51,73% da poboación fronte ao 48,26% dos homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Caldas de Reis é do 49,6% (66,9% a masculina e 33,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 43,5% (61% a masculina e 27,6% a feminina) e a taxa de paro é do 12,1% (8,9% a masculina e 18% a feminina). O sector primario posúe pouca relevancia ao dar traballo só ao 3,1% da poboación ocupada na agricultura e o 0,6% na pesca. Os cultivos herbáceos ocupan 467 Ha, seguidos do viñedo con 262 Ha. Polo que respecta á gandería, destaca o armentío bovino, que suma 479 cabezas (2007), o porcino contaba con 40 cabezas reprodutoras e 125 de cebo. A industria dá traballo ao 26,8% da man de obra (1996) e destacan empresas como a fábrica de elaboración de conxelados de peixe Clavo Congelados, as metalúrxicas Fábricas Metalúrgicas Caldenses e Mantenimiento de Plantas Industriales, a factoría química Foresa Industria Químicas del Noroeste, a fábrica de mobles Muebles Golcar e, sobre todo, Lácteas del Atlántico, dedicada á produción de leite pasteurizado e derivados. A construción ten unha grande importancia na vida económica local: o 20,9% da man de obra atopa traballo nesta actividade, tanto na importante edificación local como tamén na doutros concellos próximos (A Estrada, Pontevedra, Santiago de Compostela ou Vilagarcía de Arousa), feito favorecido polas doadas comunicacións de Caldas de Reis. A principal fonte de traballo é o sector terciario co 48,7% do emprego. Ademais daqueles traballadores nos servizos de vilas e cidades próximas, unha boa parte ten a súa ocupación no comercio e nos servizos dunha vila das características de Caldas de Reis, cunha centralidade favorecida pola súa accesibilidade e a presenza de servizos administrativos de alcance comarcal (sede de partido xudicial), que lle outorgan a súa condición de cabeceira. As principais vías de comunicación, ademais da autoestrada do Atlántico (AP-9), son a estrada nacional N-550, que a enlaza con Santiago de Compostela e Pontevedra, e a estrada N-640, que a comunica con Vilagarcía de Arousa e A Estrada.
Historia
Os cilenos son considerados os primeiros poboadores de Caldas, na que posteriomente se asentaron os romanos que, atraídos polas súas augas termais, fundaron a vila de Aquae Celenae, descrita no itinerario Antonino. A vila de Caldas naceu durante o reinado de Afonso VII, quedando vinculada desde entón á sé compostelá, obtendo os seus foros concedidos polo arcebispo Xoán Arias en 1254. No s XVI pasou de ser vila de abadengo a vila de reguengo, e durante o reinado de Filipe II, para evitar o seu paso á xurisdición dalgún nobre, os seus veciños conseguiron o dereito de gobernarse por si mesmos. Durante o Antigo Réxime o seu territorio estivo repartido entre as xurisdicións do Couto Redondo de Arcos da Condesa, controlado polo cabido compostelán; Baños e Vilanova de Arousa, señorío do arcebispo de Santiago; Peñaflor, correspondente ao conde de Graxal; e os de Caldas e Cesar, ambos os dous administrados polos veciños. Estas xurisdicións desapareceron en 1820, cando naceron os concellos constitucionais de Saiar e Caldas de Reis, conseguindo a vila ser cabeza do seu partido xudicial. En 1835, cando se instituíron os concellos actuais, mantivéronse os municipios antes mencionados, desaparecendo finalmente Saiar ao ser anexionado por Caldas de Reis en 1894. Como singularidade, perviviu a entidade menor de Arcos da Condesa como continuación do seu couto redondo, pero totalmente integrado no municipio de Caldas de Reis. O concello mantivo a súa condición de cabeceira de partido xudicial, ata que a perdeu en 1965, ao ser absorbido por Pontevedra; esta situación perdurou ata 1982 cando pasou ao partido de Vilagarcía de Arousa, retomando a súa condición de sede de partido en 1988.
Patrimonio cultural
O patrimonio arqueolóxico do concello está formado polos restos atopados nos castros de Santa María, Bemil, Follente, Outeiro e Castelo e, fundamentalmente, polo depósito das Silgadas ou Tesouro de Caldas, datado entre os anos 1500 e 1600 a C. Sobre piares de época romana construíuse na Idade Media a ponte de Bermaña. Tamén medievais son as pontes de Castaño e de Segade. Outras pontes importantes son as de Baxe e A Ponte de Caldas. No eido da arquitectura relixiosa salientan as igrexas románicas de Santa María de Caldas, Santa María de Bemil, Santo André de Cesar e Santo Estevo de Saiar. A arquitectura civil está representada por pazos como os de Casalnovo e O Monte, e as casas grandes da Canle, a Peroxa, Cobián e o pazo de Bendaña. A finais do s XIX e principios do s XX edificáronse a Casa do Concello e o cárcere, ao tempo que desapareceu a casa-torre de Urraca. No eido da arte popular, destaca na parroquia de Arcos da Condesa o taller de fundición de campás dos irmáns Ocampo, fundado en 1630 por Filipe Blanco Ocampo. Entre os espazos naturais do concello sobresae O Robledal, onde se atopa unha praia fluvial. A riqueza das augas termais permite gozar dos dous balnearios que hai na vila, Acuña e Dávila, e das burgas públicas. Entre as festas que se celebran destacan as de san Roque, dende os días 12 ao 16 de agosto.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Caldas
Extensión 68 Km2
Poboación Total 9796 h
Poboación Homes 4728 h
Poboación Mulleres 5068 h
Densidade de poboación 144.06 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias