caldelao -lá
(< topónimo Castro Caldelas)
-
adx
Relativo ou pertencente a Castro Caldelas ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante de Castro Caldelas.
-
raza caldelá
[ZOOL]
Raza bovina morena galega, de cabeza proporcionada co perfil recto, fronte plana e ancha e cara alongada, orla prateada no fociño e mucosas negras. A cornamenta, aberta cara a fóra, é grosa con forma de gancho, de cor branca cos extremos escuros. O pelame cando nacen é de cor rubia, para logo tornarse negra cunha lista no dorso e no lombo de cor avermellada. Polo seu temperamento tranquilo, foi moi apreciada como animal de traballo, e pola rusticidade, como produtora de becerros. Os bois domados tiveron unha ampla demanda en Galicia e son exportados para o arrastre de pedras en Euskadi. Son propios das comarcas da Terra de Caldelas e Trives. No século XX tivo lugar un importante descenso do censo, debido á mecanización agrícola e a posteriores cruzamentos con outras razas, nun intento de mellorar as características leiteiras. A raza, que conta cunhas 5.000 cabezas, está considerada como vulnerable por parte da administración galega, polo que os rabaños se controlan en terreos do Invernadoiro, do Rodicio e de Fonteriz.