calendario
(< lat calendarĭu)
-
[CRON]
-
s
m
Sistema de distribución do tempo en grupos orixinados polas lunacións (os meses), as fases da Lúa (as semanas) e o movemento aparente do Sol (os anos), tomando como unidade de base o día, determinado polo movemento diúrno aparente do Sol.
-
calendario azteca
Calendario empregado polos aztecas. O calendario civil ou xihuitl tiña un ano de 365 días, con 18 meses de 20 días cada un e 5 días suplementarios, que se consideraban nefastos. O calendario relixioso ou tonalpualli tiña un ano de 260 días.
-
calendario chinés
Calendario empregado en China ata a revolución de 1911. Ao inicio da dinastía Zhou (ss XI-VIII a C) a duración do ano era de 366 días, pero empregábase un calendario lunar de 354 días, que rapidamente se cambiou por un lunisolar, coa intercalación de sete meses lunares cada dezanove anos; obtívose así o calendario de Zhuangzi (s III a C), que durou ata a reforma da época Han (104 a C). Ata a revolución republicana de 1911 China rexíase polo calendario lunar (yinli), no que a diferenza de once días e un cuarto entre o ano solar e os doce meses deste calendario estaba compensada coa introdución dun mes intercalado cada tres anos. O calendario oficial, na República Popular de China, é o gregoriano, introducido no s XIX polos xesuítas.
-
calendario exipcio
O calendario exipcio foi nun primeiro momento exclusivamente lunar, con meses de 29 e 30 días. A necesidade de prever as crecidas do Nilo fíxoos estudar o ano trópico e buscar un calendario máis axustado ás súas necesidades. Estableceron tres estacións de catro meses (a estación da sementeira, da recolleita e da inundación) de 30 días (ano de 360 días). Este ano civil avanzaba un ano enteiro cada 69 anos trópicos; a pesar de que o sabían non intentaron modificalo. Os exipcios agruparon os días en decans, tres destes formaban o mes e 36, o ano.
-
calendario grego
Calendario creado para intentar axustar os movementos do Sol e da Lúa. Destacan as reformas de Solón e de Metón; sen embargo, ningún deles chegou a resolver o problema, e os gregos remataron adoptando progresivamente o ciclo romano.
-
calendario gregoriano
Calendario creado en 1582 por iniciativa do Papa Gregorio XIII quen, asesorado especialmente por Ghiraldi, decretou que fosen engadidos dez días de súpeto (o día seguinte ao 4 de outubro foi o 15), modificando o concepto de ano bisesto no novo calendario. Así os novos anos bisestos son aqueles múltiplos de catro que non acaben en dous ceros, agás todos os rematados en dous ceros pero que conteñan un número divisible entre catro. Deste xeito obtíñase un ano gregoriano medio de 365,2425 días civís, que soamente producen un exceso de tres días cada mil anos. Posteriormente, case todos os países adoptaron o calendario gregoriano. A pesar do seu uso, practicamente universal, os seus inconvenientes son numerosos, razón pola que se intentou impulsar, por agora sen éxito, diversos proxectos de reforma.
-
calendario hindú
Calendario empregado polos hindús. No tempo do Rig-Veda, arredor de 1200 a C, parece que xa se usaba un calendario civil lunisolar, que constaba de 360 días, dividido en 12 meses de 30 días. Cada 5 anos intercalábase un novo mes. A astronomía mesopotámica e grega foi introducida na India nos primeiros séculos despois de Cristo, e xorde así un novo calendario con diversas variantes. Para unificar o calendario hindú, o goberno da India introduciu un novo calendario oficial, comezando o 1 de Chaitra de 1879 da era Saka, que corresponde ao 22 de marzo de 1957. Este calendario utilízase hoxe xunto co gregoriano.
-
calendario hebreo
Calendario empregado polos hebreos. Era un calendario lunar formado por doce lunacións, que comprendía 353, 354 ou 355 días, e un décimo terceiro mes suplementario. Os meses eran alternativamente de 29 e 30 días, para aproximarse á duración das lunacións. No s IV dC o calendario hebreo foi modificado e transformado totalmente en lunisolar: a intercalación do décimo terceiro mes fíxose de acordo co ciclo de Metón, e, cada dezanove anos de duración deste, considéranse doce anos sinxelos e sete embolísticos daquel. Este calendario úsase, xuntamente co gregoriano, no Estado de Israel. Os meses son Tišrej, Khešven, Kislev, Tevet, Švat, Adar, Veadar, Nīsan, Ijar, Sivan, Tamūz, Av e Ēlūl.
-
calendario lunar
Calendario que ten como base o fenómeno das lunacións (meses). Os primeiros calendarios foron os lunares. A duración da lunación varía de 29 días e 6 horas a 29 días e 20 horas, o que equivale a unha duración media de 29,5305 días civís. Por esta razón os calendarios lunares están formados normalmente por meses de 29 e 30 días, aos que aínda lles hai que engadir axustes.
-
calendario litúrxico/eclesiástico
Calendario polo que se organiza o ano cristián. Historicamente é o resultado de combinar as festas conmemorativas da vida de Cristo, móbiles e fixas, e as dos santos, todas fixas. Basicamente comezou nos tempos apostólicos coa conmemoración semanal da Resurrección. No s III comezou a formarse o ciclo pascual e o da Epifanía; o de Nadal formouse a partir do s IV. Xurdira a necesidade de indicar os días das memorias dos mártires (que reciben culto xa dende o s II), e máis tarde os dos santos, en xeral, e doutras festas. Os calendarios máis antigos son o Cronógrafo Romano (do 354), o de Polemio Silvio (da Galia, do 448, aínda máis pagán ca cristián) ou o de Carmona (en Andalucía, do s V). Na Idade Media os calendarios litúrxicos acostumaban preceder o texto dos grandes códices de culto e sinalaban as tradicións e os usos locais de cada país, cada igrexa, cada mosteiro ou cada familia litúrxica. O Concilio de Trento unificou os calendarios occidentais, pero respectou as principais tradicións litúrxicas locais, como tamén o fixo a reforma do Concilio II Vaticano (1969). A denominación de ano litúrxico é impropia, xa que o ciclo pascual, de Epifanía e Nadal se ordenan dentro do ano natural e civil, como os días da festividade dun santo.
-
calendarios lunisolares
Calendarios creados como perfeccionamento dos calendarios lunares, e que, por corresponder máis racionalmente ás necesidades da agricultura, aparecen baseados nas lunacións, pero que agora intentan axustarse ao ano trópico, xeralmente mediante un mes variable, que se inclúe de acordo cun ciclo determinado. Entre os primeiros calendarios lunisolares cómpre mencionar o caldeo, o hebreo, o árabe anterior a Mahoma (o actual calendario musulmán é lunar) e os primeiros calendarios gregos e romanos. O antecedente máis afastado do calendario actual é o caldeo, cun ano de 360 días, repartidos en 12 meses de 30 días. Co propósito de facelo coincidir co ano trópico, necesítase un décimo terceiro mes, tamén de 30 días, cada seis anos, e outro mes ao cabo de intervalos máis longos. Os meses foron divididos en catro semanas de sete días de acordo coas fases da Lúa; os dous días últimos de cada mes quedaron fóra da conta. Cada un dos días da semana reciben o nome do Sol, da Lúa e dos cinco planetas que daquela se coñecían (Marte, Mercurio, Xúpiter, Venus e Saturno), nomes que, evolucionados, subsisten en case que todas as linguas. Posteriormente desapareceron os dous días finais do mes como días separados da semana e formouse un ciclo continuo. Como comezo do ano considerouse primeiro o equinoccio de outono, e máis tarde o de primavera.
-
calendario maia
Calendario empregado polos maias. O calendario civil (tzolkin) baseábase nun ano de 365 días, dividido en 18 meses de 20 días, e cinco días suplementarios; o calendario relixioso (haab) constaba de 260 días. Había ciclos de 20 e 400 anos.
-
calendario musulmán
Calendario empregado polos árabes e polo mundo musulmán. Era un calendario lunar cun ano de doce meses, de 29 e 30 días alternativamente. A partir do s V engadiuselle un mes máis, intercalación que foi prohibida por Mahoma. Polo tanto, como a duración media da lunación sobrepasa en 48 minutos a duración media do mes lunar musulmán, prodúcese unha diferencia que obriga a engadir once días en cada transcurso de trinta anos civís que forman un ciclo; hai dezanove anos de 354 días e once anos de 355 días. Actualmente, nos países musulmáns emprégase este calendario xunto co gregoriano. O cómputo dos anos do calendario musulmán principiou coa héxira, data da saída de Mahoma cara á Meca, que se corresponde co 16 de xullo do ano 622 da era cristiá.
-
calendario republicano
Calendario decretado de uso obrigatorio en Francia pola Convención o 24 de outubro de 1793. Napoleón aboliuno e reintroduciu o gregoriano a partir do 1 de xaneiro de 1806. O ano iniciábase o 22 de setembro (equinoccio de outono e data da proclamación da República) e estaba dividido en 12 meses de 30 días: Vendemiario, Brumario e Frimario (outono); Nivoso, Pluvioso e Ventoso (inverno); Xerminal, Floreal e Pradal (primavera); Mesidor, Termidor e Frutidor (verán). Os días do mes estaban divididos en tres décadas. Despois do último día do mes de Frutidor engadíanse 5 días suplementarios para obter un ano de 365 días; cada catro anos, en vez de engadir cinco días engadíanse seis.
-
calendario romano
Calendario que foi no seu comezo estritamente lunar. Así, na época da fundación de Roma empregábase un ano formado por dez meses (de 30 a 31 días), que totalizaban 304 días. Despois do décimo mes engadíanse os días necesarios para axustar este ano civil ao ano trópico, e obtíñase, deste xeito, un calendario lunisolar. Destes días engadidos resultaron dous meses: Januarius e Februarius. Así resulta un ano civil arredor de 355 días; a diferencia, que continúa sendo grande durante case toda a República Romana, vaise intentar solucionar coa intercalación dun décimo terceiro mes de forma cíclica.
-
calendario solar
Calendario que se sustenta no movemento do Sol arredor da Terra, no que as agrupacións principais son os anos e as estacións.
-
calendario xuliano
Calendario creado por decisión de Xulio César no 45 a C. Este calendario establece o concepto de ano bisesto, o inicio do ano do 1 de marzo ao 1 de xaneiro e un ano civil de 365,25 días, cantidade que se cría que correspondía á duración do ano trópico. Estaba dividido en doce meses: Januarius, Februarius (29 ou 30 días en caso de ser bisesto), Martius, Aprilis, Maius, Junius, Quintilis, Sextilis, September, October, November e December. No ano 44 d C o mes Quintilis foi rebautizado co nome de Julius, en honor a Xulio César. Posteriormente, o Senado aprobou o cambio de Sextilis por Augustus. De súpeto os romanos non empregaban a semana, senón que dividían o mes en tres partes desiguais: das calendas (primeiro día do mes) ás nonas (do día 5 ao 7), das nonas aos idos (do 13 ao 15), e do idos ás calendas do mes seguinte. Co cristianismo continúa a vixencia do calendario xuliano. Dende o s I, non obstante, foi usada tamén a semana, pola influencia do calendario xudeu no cristián. O día de descanso pasa do sábado ao domingo. Imposto na maior parte do mundo, o calendario xuliano contiña un erro de base por partir dunha medida incorrecta do ano trópico, cousa que provoca que haxa un atraso dun día cada 128 anos, motivo polo que as estacións comezaron a adiantarse.
-
s
m
-
[CRON]
-
s
m
Táboa gráfica da sucesión dos días, os meses e as estación para cada ano, xeralmente coa indicación dos acontecementos civís ou relixiosos principais.
Ex: Comproba no calendario cándo hai lúa chea. O calendario ten unha foto moi bonita no mes de marzo.
Sinónimos: almanaque. -
calendario perpetuo
Táboa de cómputo disposta de xeito que permite atopar o día da semana ou o día de calquera ano indefinidamente desde o establecemento do calendario xuliano.
-
s
m
-
-
s
m
Táboa ou catálogo, confeccionado polos organismos públicos competentes, que regula os acontecementos e as manifestacións dunha determinada profesión ou actividade durante o ano.
-
calendario escolar
[EDUC]
Organización temporal do curso escolar que se fai en dependencia directa do calendario establecido para tal fin. Polo tanto é un documento legal no que se establece a sucesión no tempo de períodos lectivos e de vacacións. Cada país determina o seu propio calendario escolar tendo en conta as características climáticas, socioeconómicas e culturais que lle son propias. Pode darse a circunstancia, sen embargo, de que nun país coexistan, ao mesmo tempo, varios calendarios escolares diferentes xa que, para conseguir un reparto máis racional do tempo escolar, convén ter en conta as características específicas de cada comunidade ou rexión. Ademais dos factores mencionados, na determinación do calendario escolar poden influír tamén, en maior ou menor medida, factores de tipo político ou pedagóxico. En cada país o goberno correspondente determina as festas nacionais que considere, pero tamén se teñen que ter en conta, á hora de perfilar o calendario, razóns de orde pedagóxica. Así, a idade dos alumnos, por exemplo, condiciona, en xeral, a distribución de tempos de lecer intercalados entre tempos de traballo, sobre todo cando dos máis pequenos se trata e para evitar situacións de fatiga innecesarias. A cuestión está en determinar a duración e secuenciación deses tempos. Desde o punto de vista histórico, o calendario escolar confórmase como un elemento que se perpetúa, case sen cambios, con independencia das reformas educativas que se implanten, o que pode explicar o porqué das dificultades que provoca o feito de modificalo, aínda que sexa minimamente. Este tema, conflitivo, orixina opinións enfrontadas, sobre todo entre pais e docentes, especialmente no que á distribución e duración dos períodos de vacacións se refire, cuestión esta que non parece ter fácil solución dadas as múltiples variables e intereses que hai que considerar na elaboración dun novo calendario. A maioría dos países occidentais ao longo do s XX teñen diminuído os períodos lectivos obrigatorios aumentando, na mesma medida, os días de vacacións. Non obstante , esta aparente mingua do tempo lectivo escolar debería ser interpretada dende ópticas máis diversas que teñan en consideración máis factores ca o simple cómputo de días lectivos. Aínda que se ten polemizado acotío sobre esta cuestión, non se atoparon, polo momento, solucións válidas para todos os sectores implicados que permitan a racionalización do calendario escolar respectando, sempre, a natureza e diversidade dos alumnos. Non se ten avaliado se sería mellor reorganizar os tempos de vacacións e, polo tanto, tampouco se ten determinado tal reorganización. Á marxe de polémicas, frecuentes no contexto educativo de calquera país cando do calendario escolar se trata, os datos que se manexan sobre esta cuestión, dentro do contexto europeo, son os ofrecidos no Informe Eurydice realizado para o curso 1995-1996 pola Unión Europea e referido en concreto á Educación Secundaria. Neste informe tense en conta para a determinación do calendario escolar unha variable máis precisa: a carga horaria. A análise dos datos recollidos nese documento pon de manifesto situacións como a de España, por exemplo, que ocupa un dos últimos postos entre os países da UE se se ten en conta o número de días lectivos (175 días como media segundo as variacións que se producen entre as distintas comunidades autónomas). Non obstante , se se ten en conta a carga horaria ocupa o terceiro lugar só superada por Austria e Bélxica. Tamén se conclúe que países cun elevado número de días lectivos ocupan os últimos lugares cando se fai o cómputo en termos de carga horaria, como é o caso de Italia, Luxemburgo ou Finlandia. Hai países como Alemaña que tendo poucos días lectivos, teñen tamén moi pouca carga horaria.
-
s
m
-
s
m
[COMUN]
Gráfico detallado no que se indican medios, insercións e datas nas que se desenvolve unha campaña publicitaria.
-
calendario da flora
[BOT]
Táboa das épocas do ano en que florean, nunha localidade determinada, unha serie de especies vexetais.
-
calendario de actas
[HIST]
Libro onde se inventariaban, ordenados por materias e cronoloxicamente, os documentos pertencentes a unha casa, unha familia ou a unha corporación. Foron usados do s XVI ao XVIII.