califa
(<ár halīfa ‘lugartenente’)
Xefe supremo do Islam que reúne o poder civil e relixioso. O título completo é halīfa rasūl Allāh, (‘lugartenente do enviado de Deus’), aínda que máis tarde se engade o título de amīr al-mu‘mīnīn (‘emir dos crentes’). De acordo coa ortodoxia islámica, o califa tiña que ser árabe quraixita, único e elixido pola comunidade. Ao morrer Mahoma, Abu Bakr foi recoñecido como califa no 632. O derradeiro dos chamados califas ortodoxos, Alī ibn Abī Tālib, non puido facer fronte ás ambicións da familia omeia, que ostentou o poder en Damasco dende o 661 ata o 750, cando foi derrocada polos abbásidas. Estes, con sede en Bagdad, acabaron reducindo o califa a unha función puramente relixiosa. Cando os mongois se apoderaron de Bagdad en 1258, os descendentes dos abbásidas mantiveron un califato nominal en Exipto ata a conquista dos otomanos en 1517. Estes levaron o título de califa ata que foi abolido por Kemal Atatürk en 1924. Despois dun intento frustrado protagonizado por Husayn de Arabia para recuperar o título, non foi reivindicado por ningún outro soberano musulmán.