California

California

Rexión de América do Norte, na costa do Pacífico, que se estende dende o paralelo 42°, ao N, ata o cabo de San Lucas, ao S. Está dividida entre o estado de California (EE UU) ao N, o estado da Baixa California Norte (México) e o da Baixa California Sur (México), no sector peninsular. O territorio de California foi explorado polos casteláns a partir da expedición de Diego Hurtado de Mendoza (1532) e da de Diego Becerra (1533). En 1534 foi atribuída ao vicerreinado de Nova España, dende onde continuaran as expedicións: Hernán Cortés e Hernando de Grijalva (1535), Francisco de Ulloa (1539) e Rodríguez Cabrillo e Bartolomé Ferrelo, que no 1542 descubriron a Alta California. Foron os xesuítas os que iniciaron a colonización da Baixa California a finais do s XVII coa fundación de catorce misións; sen embargo, trala súa expulsión dos territorios da Coroa Española en 1767, esas misións pasaron a mans dos franciscanos, que en 1772 llelas cederon aos dominicanos antes de xuntarse cos outros franciscanos que participaban na expedición de Gaspar de Portolá á Alta California (1769). Foi esta unha tarefa na que aos esforzos dos exploradores se sumaron os dos misioneiros, en especial os de frei Junípero Serra, que iniciou a cadea de fundacións (San Diego, 1769; Monterrey ou San Carlos, 1770; San Francisco, 1776; Los Angeles, 1781) que ían perdurar ata converterse nas cidades da actualidade. Así mesmo, xurdía un novo estilo arquitectónico (actualmente chamado californiano), con elementos do tradicional estilo mediterráneo. A soberanía da monarquía española sobre California quedou limitada por un acordo con Inglaterra sobre Nutka, na illa de Vancouver (1794), no paralelo 48°, e polo tratado cos EE UU (1819), no paralelo 42°. En 1804 o país foi dividido en Alta California e Baixa California. En 1822, trala independencia de México, California converteuse nunha provincia do novo estado. No norte, a presión dos colonizadores norteamericanos levou ao goberno dos EE UU á ocupación militar da Alta California, que polo Tratado Guadalupe-Hidalgo de 1848 pasou a mans estadounidenses.