caligrafía
(< grκαλλιγραϕία‘escritura fermosa’)
-
s
f
Arte de representar con intención estética os signos gráficos da linguaxe, pero tamén, arte de escribir con letra correctamente formada segundo unhas pautas determinadas. Comprendida dentro do campo da escritura, enténdese como a culminación ou aspiración estética da mesma. Nas correntes didácticas modernas diminuíu a preocupación pola caligrafía ao deixala esquecida diante de aspectos máis prácticos. Non obstante , ata hai moi poucos anos tiña grande importancia no currículo escolar. Ademais, era moi apreciada como habilidade en determinados oficios ou actividades, sobre todo naquelas nas que a escritura xogaba un papel de certa relevancia: secretarios, notarios, cregos, mestres e outros oficios. Tradicionalmente o ensino da caligrafía pretendía que a escritura dos escolares reunise determinadas calidades como limpeza, claridade, proporción e elegancia. Esta podía adoitar, segundo os casos, diversos tipos: española, vertical, inglesa, redonda, gótica inglesa ou gótica alemana, entre outras. Cada unha delas coas súas propias normas e cun material axeitado que ía dende a tinta ata os distintos tipos de plumas que para cada caso debían empregarse. Polo que respecta ás plumas, a letra española require unha pluma grosa de corte perpendicular á fendedura e coa anchura dos puntos proporcionada ao tamaño da letra; a escritura norteamericana require unha pluma grosa, de punta algo roma, que non risque o papel ao escribir con rapidez. Os antigos calígrafos preferían as plumas de ave, pero co tempo usáronse as metálicas de aceiro ou de latón, preferiblemente as de aceiro ben templado e flexible. Todo iso acabou por converter a caligrafía nunha tarefa ineludible, case sempre aburrida e penosa debido á falla de motivación na escola, pero, sobre todo, polo feito de que o dominio da técnica caligráfica requiría unha repetición monótona e obrigada de exercicios que se ían complicando cada vez máis segundo pasaba o tempo. Se cadra como reacción á excesiva preocupación polo cumprimento dunhas regras establecidas ou pola falla de motivación xa mencionada, houbo nas últimas décadas do s XX un abandono radical da pretensión de impoñer aos escolares un determinado tipo de letra máis ou menos elegante, a cambio de que o alumno escriba coa maior rapidez e claridade posibles. Paulatinamente, foi perdendo presenza no currículo escolar, quedando reducida a ámbitos de estudo moi específicos e afastados da escola obrigatoria. O primeiro calígrafo español que converteu a caligrafía en arte foi Juan de Iciar, que publicou a súa obra no 1555; creou o tipo de letra denominado español e expuxo determinadas regras para esta arte. O seu discípulo, Pedro Madariaga, analizou a letra española co esquema dun triángulo escaleno. Francisco Lucas, que publicou a súa Arte de escribir en 1577, creou un tipo de letra bastarda utilizada nas escolas durante dous séculos. Ignacio Pérez introduciu as liñas na caligrafía, e no s XVII o xesuíta padre Flórez inventou a cuadrícula ao analizar a letra española co esquema dun romboide. Xa no s XIX destacou Torcuato Torio coa súa Arte de escribir e José Francisco de Iturzaeta (1788-1853) creou un estilo que predominou en todas as escolas durante tres cuartos de século. En Galicia cómpre destacar o labor realizado polo calígrafo Santiago Gómez, xesuíta galego, quen redactou un manuscrito que non chegou a publicarse Preceptos de la pluma en diversas formas y letras, y gobierno de la Escuela con todo lo perteneciente a la institución de la cristiana niñez en la virtud y en formar las letras, y el magisterio para enseñarlas. Nas 51 páxinas de introdución, recolle os tres grandes principios das letras, con modelos prácticos e preceptos metodolóxicos para acadar unha boa caligrafía. A obra deste calígrafo galego está dividida en tres partes con tres tratados cada unha. O tratado II e III da primeira parte levan por título “Preceptos para escribir la letra cursiva española” e “Reglas y preceptos para escribir la letra redondilla española...”, respectivamente. O tratado II e III da segunda parte levan por título “Varios modos de enseñar letras no sólo españolas sino romanas, griegas, latinas, francesas y otras...” e “Los alfabetos mayores de las letras de más excelencia y primor, y medidas geométricas para adornarlos con compás...”. O tratado III da terceira parte titúlase “Se habla de todas las cosas que el buen maestro o escritor necesita conocer y cumplir para enseñar a escribir”. A obra, ademais, vai ilustrada con algúns debuxos sobre “varios cortes de pluma” e “demostración de la postura particular de la mano para hacer las primeras rayas”. Outros importantes calígrafos galegos foron Adrada, que exerceu na Coruña a finais do s XVIII, o compostelán Patiño Figueroa (mediados do s XVIII) e Manuel Carracedo e Xoán Durán, que realizaron o seu labor na Coruña e en Vilagarcía a principios do s XIX.
-
s
f
Conxunto dos trazos que caracterizan a escritura dunha persoa ou dun texto.
Ex: As escrituras das terras teñen unha caligrafía moi antiga.
-
s
f
[LIT]
Escritura manuscrita que aparece nunha obra literaria, debido a motivos estilísticos ou documentais. Un exemplo da literatura galega é a obra de Luís Pimentel Sombra do aire na herba (1959).